O réxime español condénanos á escravitude e ao exilio. Rebelémonos todas!

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) relativa ao cuarto trimestre de 2014 evidencia o que desde Galiza Nova vimos denunciando: a emigración xuvenil constitúe un dos maiores retos aos que se enfronta o noso país, quer no plano económico, quer no social e político.

Segundo a EPA no noso país desapareceron, durante o último ano, 24.600 persoas entre 16 e 34 anos. 311 cada día. Mozas e mozos que moi lonxe de se esvaeceren, poñen nomes e apelidos á diáspora galega. Mocidade que fixo as maletas e marchou perante a falta dun futuro digno na Terra.

En troca do discurso triunfalista do goberno da Xunta, a realidade laboral que atinxe a mocidade galega caracterízase por traballos non remunerados –en forma de prácticas profesionais– ou empregos nos que o salario é, simplemente, miserento.

Unha simple ollada ás ofertas de traballo publicadas na imprensa ou na rede serve para evidenciar este feito. As declaracións d@s responsábeis polític@s galeg@s e españois reflicten a súa desconexión da realidade. O seu afastamento da mocidade galega e a súa incapacidade para gobernaren un país cuxo contexto social descoñecen ou negan.

Desde Galiza Nova consideramos urxente a activación da mocidade deste país fronte ao abismo no que nos quere sumir a dereita. É hora de nos erguer en defensa do noso dereito a vivir e traballar dignamente na propia Terra. Aliás, lanzamos un chamamento á mocidade galega na diáspora, a esas centos de miles de persoas que foron expulsadas do seu país polas políticas deseñadas desde a Xunta, Madrid e Bruxelas.

É tempo de recuperar o que por dereito nos corresponde e que nos está a ser negado.

Polo futuro digno na Terra!