O transporte na Pobra, a loita gañada pola mocidade

O pasado mes de marzo puxemos en marcha unha campaña para demandarlle ao goberno do concello da Pobra do Caramiñal a inmediata convocatoria das axudas ao transporte público para as estudantes, cousa que non fixera nin no curso 2015/2016 nin no 2016/2017.

Aínda sendo estas axudas moi necesarias tanto para as estudantes como para a economía familiar, resulta curioso que o goberno da Pobra do Caramiñal, que supostamente viña a cambiar as cousas para mellor, o faga peor que o seu predecesor. Un goberno que non se dignaba a conceder as axudas destinadas á mobilidade de estudantes que teñen os seus centros de formación fóra do municipio.

Deste xeito, ao problema da deficiente rede de transporte público que existe na Galiza, as estudantes da Pobra, a diferenza das estudantes do resto da comarca, tiñan que facerlle fronte ao elevado prezo que lles suponía desprazarse aos seus centros de ensino.

Dende Galiza Nova e BNG denunciabamos esta situación e esixíamoslle ao goberno municipal a inmediata posta en funcionamento das axudas. E así foi. O 26 de xuño publicábase no BOP da Coruña a Resolución da Alcaldía pola que se convocan as axudas para o transporte de estudantes.


Dende Galiza Nova e dende o BNG seguiremos a traballar para que isto non quede aquí. Demandaremos o aumento da contía das axudas, pois cremos que son escasas e non cubren todas as necesidades, traballaremos para que se melloren as conexións da Barbanza con Santiago de Compostela e con Pontevedra, e esixiremos accións para que se abaraten os prezos dos billetes, pois desprazarse non pode ser un privilexio.

Este é un exemplo dunha loita gañada, o que evidencia a importancia de organizarse no nacionalismo galego para defender os dereitos da mocidade. Ao contrario do que nos fan pensar, a mocidade, somos o presente e o futuro deste País, pero para gañarmos un futuro digno na nosa terra, temos que facernos valer, xuntas, organizadas, firmes e combativas contra toda inxustiza latente seremos imparables. Isto é unha pequena mostra de como a mocidade organizada en Galiza Nova pode conseguir pequenos logros, paso a paso facémonos camiño por unha Galiza para todas e unha sociedade ao servizo das galegas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *