[CONCENTRACIÓNS] Onte Portugal, hoxe Galiza. Lumes nunca máis!

O sábado pasado un gran incendio en Pedrógrão Grande causou a maior traxedia dos últimos anos en Portugal: morreron 62 persoas e 62 están feridas, moitas delas de gravidade. Estes datos convertérono no incendio coa maior cifra de mortes rexistrada no mundo nos últimos 25 anos.
As investigacións conclúen que o incendio tivo a súa orixe en causas naturais e que a súa virulencia foi acrecentada por unha acumulación de factores, como as altas temperaturas, a seca ou o forte vento que soprou o sábado. Mais isto aconteceu en varios puntos do territorio portugués con consecuencias moito máis leves.
Que foi diferente en Pedrógrão Grande? As extensas plantacións de eucaliptos e piñeiros, que converteron esta rexión de Portugal nun auténtico polvorín. Faltou formar en prevención de incendios o sector forestal. Faltou integrar prevención e combate. Faltou ordenamento. Faltou pensar a longo prazo. E adiouse o de sempre: facer do modelo forestal unha prioridade.
É máis, o 9% do territorio de Portugal está ocupado por plantacións de eucalipto, o cal supón arredor de 821.000 hectáreas. O goberno luso comezou xa a reverter esta situación coa aprovación dunha lei que conxelará a superficie de eucalipto ata o ano 2030, intentando tamén pórlle freo aos graves incendios forestais que asolan o territorio todos os anos.
A composición forestal de Portugal é comparable á de Galiza, cun 17% do noso territorio ocupado por plantacións de eucalipto. Mais a diferenza do goberno portugués, a Xunta de Galiza non presenta indicios de intentar frear a expansión destes cultivos, mostra do cal é a recente prorrogación da concesión de permanencia de Ence na ría de Pontevedra durante outros 60 anos.
Alén diso, esta traxedia no país veciño ocorre dous días despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza condenase ao Goberno galego pola morte de dous brigadistas en 2010 nun incendio en Fornelos de Montes. Sete anos despois a situación dos traballadores deste sector segue a ser precaria, resultado do desmantelamento do servizo. A situación actual froito do desleixo da Consellería de Medio Rural non só pon en risco a vida dos traballadores senón que dificulta a súa efectividade no control dos incendios forestais, tanto pola falta de coordinación dos operativos como como polas carencias formativas e de experiencia.
Ademais, a poucos días de que comece o verán, en plena vaga de calor e xa con incendios activos en pleno territorio galego (100 hectáreas queimadas no concello ourensán de Melón), o Goberno da Xunta está a incumprir a normativa en canto ás franxas de seguridade previstas para protexer vivendas e infraestruturas, e o operativo antiincendios non está aprobado.

A Galiza tócalle agora tomar nota do acontecido e reflexionar. 
Debemos tomar todas as medidas preventivas necesarias para que non volvan producirse perdas de vidas humanas polos lumes, e a mellor forma de loitar de xeito eficaz contra os incendios é ter un monte ordenado, produtivo e con usos multifuncionais. Para frear de forma efectica os lumes é necesaria unha ordenación real do territorio coa delimitación de agrario e forestal e prohibindo a forestación das terras agrarias. Recuperar o diálogo coas comunidades veciñais con titularidade do monte en Galiza co obxectivo de superar o modelo de convenios e o apoio de novos proxectos baseados en diferentes usos do monte. Actuar contra a fragmentación do monte galego, crear unha cerficación forestal galega e pública e un plan de usos e aproveitamentos multifuncionais do monte, onde gañen peso as madeiras nobres de árbores autóctonas e de calidade.
En definitiva, propoñemos maiores medidas de prevención ao longo do ano, así como un pacto de país para a ordenación modelo forestal e usos do monte galego, e así evitar traxedias como a ocorrida esta fin de semana en Portugal, e facer que os nosos montes sexan verdadeiramente produtivos, dándolle beneficio económico ao conxunto do povo galego.

CONCENTRACIÓNS:

MARTES 20.

  • A Coruña, Praza de Portugal, 20:00h.
  • Compostela, Praza do Obradoiro, 20:15h.
  • Vigo, Farola de Urzáiz, 20:00h.

MÉRCORES 21.

  • Ferrol, Edificio Administrativo da Xunta, 20:00h.
  • Lugo, Praza Maior, 20:30 horas
  • Ourense, Diante da xefatura de Medio Rural, 20:15h
  • Pontevedra, Praza da Peregrina, 20:30h.