Opositoras, moeda de cambio

Nas últimas semanas vense incrementando a incerteza con respecto á convocatoria de Oposicións anunciada xa con demora no seu momento. Despois de que a Consellería anunciase as especialidades para as que se ofertarían prazas, comezaron a aparecer titulares nos medios que indicaban que non habería convocatoria sen aprobar os Orzamentos Xerais do Estado.

A mensaxe do Partido Popular é clara: ou a oposición se “porta ben” e “traga” os seus Orzamentos ou as convocatorias de Oposicións suspéndense. As opositoras atópanse, mais unha vez, sendo moeda de cambio na política dos partidos de obediencia estatal.

O motivo que dá o goberno de Feijóo para non convocar as Oposicións non é máis que parte dun xogo político que está a empregar o Partido Popular como presión en Madrid. Con isto, queda reflectido de novo o necesaria que é a soberanía e contar con gobernos que pensen nos intereses dos galegos e das galegas e non nos dun partido español. A outra cara da moeda podémola atopar en Euskadi. O goberno vasco anunciou que seguirá adiante coa convocatoria pese ao intento de bloqueo do goberno de Madrid. Pola contra, en Galiza vemos un presidente máis preocupado do que poidan dicir os seus compañeiros e compañeiras de partido que da situación que poden vivir as opositoras ou o propio ensino público, que precisa máis profesorado.

A escasos 3 meses dos exames, as opositoras atópanse totalmente confusas. Por se fora pouco, este proceso de chantaxe súmase xa ao longo período de espera que levan agardando para saber se serían convocadas ou non as súas especialidades. A preparación da proba supón un investimento non só económico, senón tamén persoal. Supón mesmo deixar un traballo para centrar o tempo e os esforzos no exame. Hoxe por hoxe, a Consellería está a ser empregada como ferramenta no xogo político español, e non existe preocupación por garantirlle estabilidade ás opositoras.

Como xa dixo a nosa portavoz nacional, Ana Pontón, o Partido Popular galego demostra ser “subsidiario do ditado do Goberno central e estar supeditado aos intereses dun goberno en minoría do Estado e non do que necesita Galiza”. Condicionar as oposicións aos orzamentos de Madrid amosa a incapacidade que ten Galiza para decidir sobre sí mesma e sobre os servizos básicos.

Fronte a isto, reivindicamos os nosos dereitos e a calidade no ensino público e esiximos capacidade de decisión. Este mércores 15 de marzo, ás 11h, diante da Consellería de Educación, estaremos coa CIG-Ensino na rúa, xa que a Xunta non reconsidera a parálise á que nos ten sometidas.

Para defender o ensino público galego precisamos soberanía!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *