Organizar mocidade, emancipar Galiza. Esa é a palabra de orde con que Galiza Nova se lanzou ao proceso da súa XVIII Asemblea Nacional. Ao longo das últimas semanas, a mocidade nacionalista galega traballou por facer chegar a cada recuncho do país esta idea chave.
Organizar mocidade, porque acreditamos verdadeiramente na importancia do traballo militante en cada espazo que ocupamos, na rúa, na rede, nos centros de ensino ou nos centros de traballo. Non é unha frase baleira, é o espírito dunha forza política das clases populares e para as clases populares. A través das asembleas de debate, das xornadas de traballo militante e de cada colada de cartaces damos vida a un modelo organizativo firme, capaz de afrontar as batallas ideolóxicas e que é semente de vencer (e de futuro).
Galiza Nova chega á súa XVIII Asemblea Nacional nun contexto de deterioración das perspectivas vitais da mocidade galega. O prezo inaccesíbel da vivenda, a imposibilidade de acceder a un traballo digno, a emigración forzosa ou o total desarticulamento do transporte público son os principais problemas que afectan hoxe a mocidade galega e que impiden a emancipación de miles de mozas. Recuperarmos e gañarmos dereitos económicos e sociais é, por tanto, unha das prioridades políticas da mocidade galega na procura da súa emancipación.
Na Galiza, porén, non ten sentido falar de emancipación individual sen nos emancipar como país. A mocidade galega non será verdadeiramente libre mentres non viva nun país que consiga quebrar as cadeas da dependencia. Emancipar Galiza, eis a outra cara da moeda.
Esta reivindicación é, talvez, máis relevante que nunca: o espolio dos nosos recursos naturais segue a desangrar a nosa economía, a nosa lingua continúa a sufrir a brutal ofensiva das forzas españolistas e seguimos atados politicamente a un Estado que nos nega o recoñecemento de nación.
Chegamos ao fin deste período, con todo, sabendo que Galiza Nova foi quen de articular unha resposta a cada unha destas cuestións, participando e axudando a construír as grandes mobilizacións sociais do pobo galego, contribuíndo para o crecemento electoral do nacionalismo e facendo chegar a proposta nacionalista a cada vez máis mozas deste país.
A XVIII Asemblea Nacional de Galiza Nova é a ocasión de analizarmos o traballo político do último período, de aprimorarmos as nosas estratexias comunicativas e ideolóxicas, e de axustarmos o rumbo dunha organización que crece. Así que este sábado vémonos no Salón de Actos da ETSE para seguir traballando xuntas pola nosa liberdade!
