Organízate con Galiza Nova!

Nun contexto de inflación e de crise capitalista as mozas galegas somos cada día máis precarias. O custo da propia vida, a sobreexplotación da nosa forza de traballo, a imposibilidade real do acceso a unha vivenda digna, as dificultades para atopar un emprego non fan máis que agravar un problema que xa de por si é endémico no capitalismo, agravado no caso galego pola situación de dependencia. 

A vida é cada día máis cara nun sistema que só pode concentrar a riqueza nunhas poucas mans, a costa da degradación e da miseria para as maiorías. As crises que vivimos non fan máis que agudizar esa tendencia. É neste contexto en que, as grandes compañías como Inditex, o Corte Inglés e outras seguen a bater récords de beneficios. 

A realidade para as mozas galegas é que ningún goberno, nin o da Xunta (co PP á cabeza) nin o estatal (co PSOE e UP á fronte), vai deixar de servir como executor dos acordos do grande capital. Tres anos despois mantemos unha reforma laboral que consolida a perda de dereitos, engadindo novos contratos lixo nas supostas “mellorías”. Foméntanse salarios de miseria que non chegan a compensar a perda do poder adquisitivo pola suba dos prezos, mentres se dan apoios incondicionais a fondos europeos condicionados á aplicación dunha axenda belicista e imperialista da OTAN e a UE, vencellada ao agravamento da escalada dos prezos e á pauperización masiva da poboación. 

Tamén nestas datas festivas, tanto no propio Nadal como despois, aparecen prácticas como as “rebaixas”, un dos piares do sistema capitalista que permite (re)incentivar o consumo (xa de por si mermado nestas datas). Unha práctica que, se ben estivo regulada até o 2012, agora se estende durante todo o ano con diferentes versións importadas desde os Estados Unidos como o Black Friday. 

Non só traen engano ao noso peto nestas datas, tamén vemos a proliferación de multitude de emprego temporal e precario (nas súas diversas modalidades de contrato) como resultado da frenética vida consumista que se desenvolve en Occidente. Este emprego que se crea non é síntoma de melloría do mercado laboral: é un emprego volátil, en condicións de precariedade e pauperización, que enmascara a realidade do noso País.

Todo isto nun contexto galego onde hai que sumar os problemas estruturais froito da dependencia do noso País, agravada coa integración na UE. Desertización industrial, abandono do rural, perda de calquera soberanía alimentar, desvertebración territorial do País cun modelo de transporte que non está pensado nas necesidades das maiorías populares, etc. Consecuencias da nosa subordinación a Madrid e a Bruxelas, nunha Galiza que non pode dispor libremente da súa estrutura socioeconómica e produtiva para usala ao servizo do benestar do pobo galego.

Diante deste horizonte distópico, a mocidade debemos mobilizarnos e organizarnos no presente para facerlle fronte ás agresións do poder dominante e mudarmos a correlación de forzas. Sempre coa perspectiva da construción dun futuro radicalmente diferente. Un futuro que pasa pola construción dunha República Galega ao servizo das clases populares. Un modelo de País máis xusto para as clases populares, cunha planificación da economía e o desenvolvemento das nosas capacidades produtivas en función das necesidades sociais e non do lucro dunha minoría.

Hai alternativas.

  • LIMITACIÓN DO PREZO DOS ALUGUERES e das hipotecas en vivenda habitual para os anos 2023 e 2024, así como para os locais comerciais ao 2% anual. 
  • IMPULSO DE MEDIDAS PARA FREAR AS CONSECUENCIAS SOBRE A MOCIDADE, como a revisión á alza das bolsas e convocatorias extraordinarias para protexer o estudantado máis afectado.
  • ELIMINACIÓN DA REFORMA LABORAL NA SÚA TOTALIDADE. Incluíndo calquera tipo de contrato lixo que se formara desde a súa aprobación e reformas. 

Para avanzar no camiño da construción dunha Galiza diferente, organízate e loita con Galiza Nova!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *