Orgullo 2022

Galiza Nova, presenta a campaña do Orgullo LGBT baixo o lema “Loita, orgullo e diversidade. Por unha vida digna” co obxectivo principal de visibilizar a situación da mocidade LGBT na actualidade.

A organización xuvenil do BNG pretende visibilizar a situación da mocidade LGBT tendo en conta a legalidade vixente, a percepción social, a situación laboral e o percorrido histórico do movemento LGBT.

As persoas LGBT na Galiza vivimos cada día con máis dificultades. O asasinato de Samuel Luiz na cidade da Coruña, o ataque a unha moza trans guindándoa da Muralla de Lugo ou as repetidas agresións físicas en Vigo e Ourense, só neste último ano, son o cumio das violencias que diariamente sufrimos” sinalou Andrea Ferrer, membro na mesa nacional LGBT da organización.

A campaña dá comezo este mércores, día da visibilidade lésbica galega, e estará dividida en tres eixos: unha parte histórica, para coñecer a historia do movemento LGBT galego, un eixo social para denunciar a situación actual das persoas LGBT na sociedade, e un eixo institucional para demandar medidas legais de protección para as persoas do colectivo.

Historicamente o BNG ten trasladado no parlamento a cuestión das persoas LGBT co apoio a unha lei galega de identidade de xénero en anteriores lexislaturas. Recentemente reclamamos a posta en marcha de accións efectivas por parte da Xunta para combater a LGBTfobia que a día de hoxe segue presente tanto nas rúas como na administración” trasladou Iria Carreira, deputada do BNG no parlamento Galego. “Nos vindeiros días volveremos demandar no pleno medidas reais contra a LGBTfobia para que dende as institucións se garantan os nosos dereitos”, engadiu.

A campaña culminará o propio día do orgullo coa participación nas mobilizacións que se convoquen dende o colectivo. “Animamos a todas a mocidade a saír ás rúas na defensa dos nosos dereitos, para poder vivir sen medo e nunha verdadeira igualdade” instou Andrea.