Participamos na mañá de hoxe da rolda de prensa que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convocou para denunciar os orzamentos de miseria da Consellería de Educación, que volven a constatar a liña política do Partido Popular, empeñada en destruír o ensino público galego.
A educación pública é a única que pode garantir un ensino galego, igualitario, laico, democrático e coeducativo pero os orzamento do Partido Popular para este 2015, en lugar de ir na dirección de fortalecelo e amplialo continúan na senda trazada de máis recortes. Sen o investimento necesario, non é posíbel o dereito á educación de todas e todos nin acadar a igualdade de oportunidades.
Datos máis salientábeis dos orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2015:
Fíxanse en 2.090 millóns de euros. Só un 0,19% máis en relación aos do ano 2014, cando desde o ano 2009 decreceron un 33,5%. É dicir, vanse dedicar 680 millóns de euros menos ao ensino dos que se destinaron no ano 2009.
Os orzamentos de Educación representan o 21,9% dos totais da Xunta de Galiza, fronte ao 27% que representaba no ano 2.008.
- Subvencións ao ensino privado. Continúa o fortalecemento do ensino privado concertado. Dedícanse 236,6 millóns a concertos, incrementándose a partida para secundaria nun 0,93 % en un 0,9% en FP. A Consellaría dedica á privatización 244.512 mllóns euros. En total, un 11,7% dos orzamentos destinados ao ensino privado concertado.
- Investimentos reais (construción de novos centros, reparacións, ampliacións e melloras). En educación infantil e primaria (7,7 millóns) decrecen un 23,9%, cando xa se reduciran nun 15,6 % o ano pasado. As ensinanzas artísticas fano nun 33% cando xa no ano 2014 decreceron nun 57% e no bacharelato e FP fíxanse 7,7 millóns.
- A partida destinada á prevención do fracaso escolar (17,2 millóns) tamén se reduce nun 0,65%, en relación á do ano 2014.
- Libros de texto. Destínanse 11,2 millóns, o que supón que máis do 40% do alumnado galego terá que pagar os libros de texto.
- A Universidade recibirá 322,7 millóns, o 1,5 % menos que o ano pasado.
- A partida destinada ao transporte escolar (118,8 millóns) decrece o 1,34% e a destinada a comedores escolares é a mesma que a do ano pasado (28.7 millóns).
- A partida destinada ao funcionamento dos centros (36 millóns) redúcese nun 0,5% para os centros de secundaria e FP e mantense para educación infantil e primaria en 12 millóns, malia a redución do 2,4% do ano 2014.
- A inversión en profesorado só se incrementa o 0.4%, cando nos últimos anos minguou o 8%. Os recortes supuxeron a perda de máis de 3000 profesoras e profesores nos últimos catro anos.
- Taxa de reposición. Na oferta de emprego público só se cubrirán, como máximo, o 50% das vacantes que se produzan, o que suporá máis recortes de profesorado.
- Continúan reducindo o salario do profesorado que nos últimos cinco anos leva perdido o 30% do poder adquisitivo. Só se destinan 1,3 millóns de euros á formación do profesorado para un colectivo de 30.300 docentes, é dicir, 4,2 euros por docente.
- Non se consigna ningunha partida para facilitar o acceso gratuíto ás actividades extraescolares.
- A partida para o fomento da lingua decrece nun 4,8% respecto do ano 2014, continuando coa tendencia descendente que supuxo pasar dos 21,7 millóns do ano 2009 aos 6,7 previstos para o ano 2015. Para a Consellaría, a potenciación da nosa lingua só se merece o 0,0007% dos orzamentos da Xunta de Galiza, continuando así coa política de persecución e combate contra o noso idioma e o ensino en galego.
En definitiva, para a PGDEP (da que Galiza Nova forma parte dende a súa constitución) estamos ante uns orzamentos que apostan pola privatización e fortalecemento do ensino privado concertado, continúan cos recortes, destrúen emprego e non atenden ás necesidades educativas específicas de apoio educativo, impiden a gratuidade do ensino, o dereito ao material e libros de texto para todo o alumnado e os recursos complementarios gratuítos, non dedican fondos necesarios para loitar e reducir o fracaso escolar, non restitúen os dereitos salariais e laborais do profesorado e supoñen máis clasismo, confesionalidade e menos participación e xestión democrática. Uns orzamentos de total desleixo coa nosa lingua, que perseguen afastar o ensino da nosa realidade e continuar coa desgaleguización. Uns orzamentos que se sitúan moi lonxe de satisfacer todas as necesidades e carencias do noso sistema educativo.