“Os problemas non van desaparecer sós, a mocidade ten que tomar partido”

xpiXabier P. Igrexas, candidato nº9 do BNG-AA ao Concello de Vigo, forma parte do primeiro tramo da candidatura do BNG-Asembleas Abertas en Vigo, cidade na que naceu en 1984. Nela ten desenvolvido un longo percorrido como activista político e social a través do movemento asociativo e veciñal e das organizacións do nacionalismo, desde os Comités Abertos de Estudantes na súa etapa no ensino medio ou través de Galiza Nova na que militou desde 1999.

Arestora é o Responsábel de acción social da Executiva local do BNG, e no campo obreiro colabora no sindicalismo nacionalista e de clase que representa a CIG, onde integra a súa Dirección comarcal.

Vigo é o núcleo que maior poboación moza concentra. Cales son as problemáticas xerais que afectan ás persoas mozas da cidade e a súa contorna?

A cidade é reflexo da situación xeral do noso país. Na área de Vigo, incluíndo os concellos limítrofes, o paro atinxe preto de 80.000 persoas, aínda que a estatística oficial non o recolla. Unha parte importante é mocidade. Mais hai tanta ou máis mocidade fóra das cifras do paro por mor da emigración. Os últimos anos foron terríbeis. A crise e o efecto das políticas de dereita aplicadas primeiro polo PSOE e agora polo PP, deixan sen oportunidades á xente moza. Que facer cando conclúes os estudos e non atopas emprego, ou os únicos traballos son por unhas poucas horas, mal pagados e en condicións de explotación? Neste contexto coller a maleta non é unha opción libre nin voluntaria. O groso das miñas amizades fica fora. En Valencia, en Berlín, en Madrid, en Londres, en Porto, ou en Río de Janeiro. Non están por gosto, nin por turismo. Foron expulsadas do país por unhas políticas que non lles permiten emprender un proxecto vital na propia terra.

Falan da mocidade Nin-Nin, dos que seica nin estudan nin traballan. Poderíamos falar moito das trabas que o PP pon para facer unha cousa e a outra. Mais o que fica claro é que o que un quere cando é mozo ou moza é ter a posibilidade de encetar unha vida propia. As políticas antisociais da dereita deixáronnos apenas con tres opcións a escoller: ingresar no precariado, quen teña a “fortuna” de lograr un emprego miserábel, a maleta para marchar ou a miseria.

Fronte esa realidade que describes que cres que agarda a mocidade do BNG?

Se somos sinceiras probabelmente non agarda moito de nós [sorrí], porque parte do problema está en que a política sistémica, ao servizo dos ricos e dos poderosos que practican PSOE e PP ten afastado moito a mocidade da política. Hoxe vemos que hai unha efervescente politización da mocidade, mais está orientada á política-espectáculo, á política de telepredicadores, da consigna fácil.

Estamos nun momento dificílismo, nunha situación de emerxencia social, nunha crise como poucas que ademais se desenvolve cun brutal saqueo contra o pobo para seguir a lucrar a uns poucos. É razoábel que haxa confusión, que haxa descrédito, e tamén que haxa quen aproveite este escenario para, a golpe de grandes titulares, asegurar que a solución para todo pasa polo resultado dunhas eleccións. As eleccións son importantísimas, como medio para desaloxar das institucións a quen as emprega para gobernar contra a maioría social que representamos as clases traballadoras.

Mais os cambios que necesitamos levar adiante para darlle a volta polo forro a esta situación precisan de moito máis. Non se trata de cambiarmos apenas de gobernantes, o cambio de verdade só virá cando fagamos que o povo sexa quen goberne, construíndo poder popular. Quen prometa que gañando unhas eleccións resolverá os problemas, minte. Nós queremos gañar as eleccións para estar en condicións de devolver as institucións á xente, para poder iniciar man a man co povo unha viraxe radical das políticas. A situación que vivimos non se resolve con pequenos parches, exixe de transformacións moito máis profundas. E transformar non é só xestionar mellor e de maneira máis favorábel a maioría social, ás clases populares. Transformar é remover os marcos do campo do posíbel. É facer posíbel o que cremos necesario, por utópico que pareza.

É preciso que a mocidade se implique na política municipal para mudar a situación actual da cidade?

Por suposto, se abandonamos a política outros seguirán a utilizala en contra de nós. Unha cousa é ser conscientes da dificultade da tarefa que é transformar a realidade e outra que desprecemos as oportunidades que teñamos, por pequenas que puidesen parecer, para poder avanzar. A mocidade é fundamental. Romper o statu quo actual, derrotar definitivamente ao bipartidismo españolista pasa porque a mocidade se empodere. Que tome conciencia do seu papel na sociedade. Os problemas non van desaparecer sós e a situación é límite. É hora de tomar partido, de implicarse. De plantar cara e de dar a batalla. Se ficamos mansas e quedas só lles facilitamos as cousas para continuar a roubarnos o presente privándonos dun futuro que por forza ten que ser noso.

Vigo é unha cidade que a día de hoxe sigue marcada pola conciencia de clase. Mais hai dous aspectos que avanzan a paso de xigante, a alienación e a españolización da sociedade, sobre todo entre a xente moza. Como un proxecto nacional-popular pode ampliar a súa base e apoios nese contexto?

Convencendo [ri]. Pode soar a brincadeira pero a receita é esa. Compartir socialmente as nosas análises, escoitar de maneira activa a opinión da povo, as súas inquedanzas, as súas ideas e sobre todo as súas críticas. E sobre todo explicar até ficarmos sen voz as nosas alternativas, xa que a nós non se nos convida ás grandes tertulias televisivas. Neste sentido tan importante como acertarmos na axitación e na denuncia é acertarmos no noso discurso. Hoxe hai moita xente disposta a escoitar. Farta e desesperada, frustrada por esta situación. Temos que facer un esforzo por trasladar a nosa mensaxe de esperanza, de que é posíbel outra realidade. Pero o obxectivo non é apenas lograr a súa confianza ou o seu voto. A nosa aspiración é ser nun instrumento para o cambio, unha ferramenta participativa e aberta para mudar a realidade. Con esa idea está a traballar desde hai tempo Galiza Nova, e a iso responde o proceso de asembleas abertas que impulsamos dende o BNG.

E sobre a españolización… En Vigo ese proceso é brutal, sobre todo no lingüístico. Conta ademais cun aliado excepcional, o hiperlocalismo que practica o actual alcalde. Hiperlocalismo, pero iso si, sempre e só en español. No seu afán por se apropiar da cidade o seu discurso insiste en isolar Vigo. Defender Vigo non é ir contra ninguén. Para nós ser viguesas e vigueses non é outra cousa que a maneira de sermos galegas en Vigo. Non queremos unha ridícula cidade-Estado comandada por un déspota con complexo de Napoleón. Cremos e apostamos por un Vigo que sexa motor de cambios para Galiza. A nosa proposta non se limita a Vigo, porque os problemas que afectan ás viguesas e aos vigueses non rematan no ámbito municipal. Queremos mudar Vigo para axudar a transformar Galiza.

Abel Caballero tornouse nas últimas semanas nun dos protagonistas da axenda mediática froito do conflito veciñal de Coia. Goberna a cidade de Vigo desde 2007. Desde o BNG falades dun cambio de rumbo. Cara a onde?

O conflito en Coia é un exemplo moi didáctico. O problema en Vigo é que temos un goberno municipal do PSOE en minoría que goberna de costas aos problemas reais da xente e que ademais o fai cunha política autoritaria e antidemocrática. A proposta política de Caballero limitase a inauguracións. Obras que poñen bonitas as nosas rúas, mais sen reparar en que nelas son cada vez máis as persoas rebuscando no lixo, ou facendo cola para recoller alimentos en organizacións asistenciais. No Vigo fermoso do que fachendea Caballero hai 54.000 persoas en risco de exclusión social. Máis de 8.000 os fogares con todos os seus membros e membras no paro. Nunha de cada catro casas as prestacións públicas ou os subsidios son o único ingreso, e por iso a inmensa maioría recoñece ter serias dificultades para chegar a fin de mes.

Cando dicimos que a única política de Caballero son as obras nas rúas non é unha esaxeración. Cero política cultural. Cero política deportiva. Cero políticas de igualdade. Cero política xuvenil. Ao contrario, a inercia, a absoluta incapacidade de xestión deste goberno botou por terra iniciativas que no seu momento impulsara o BNG desde o goberno da cidade. Vemos o caso do Súbete ao Castro, un espazo xuvenil pioneiro que en lugar de se multiplicar noutros territorios da cidade vén de fechar as portas sen explicación ningunha.

Fronte á política de inauguracións de quen goberna de costas aos problemas da xente e a intención do PP de traer a Vigo a política de recortes que xa aplica na Xunta e en Madrid, a nosa alternativa é humanizar de verdade a cidade, poñendo os problemas reais da xente por diante. O Concello de Vigo ten importantes capacidades e recursos, só é necesario un cambio de liderado que os poña ao servizo de resolver as necesidades do povo. O BNG temos as ideas, a equipa e a capacidade para facelo.

O BNG está a participar de movementos veciñais como o da rotonda ou o do centro cívico de Teis. Cales son as alternativas que propón para a cidade, neste senso?

En Teis, o goberno local do PSOE puxo fin a unha experiencia pioneira, impulsada no ano 2002 polo BNG, como era que unha dependencia municipal, un centro cívico, fose xestionado directamente por unha asociación veciñal. Caballero expulsou á veciñanza para poñer á fronte do cívico a unha empresa privada. E en Coia comprobamos de maneira clamorosa que concepto da democracia practica o PSOE. Non só non quixo escoitar aos colectivos sociais do barrio que se manifestaban lexitimamente contrarios a unha decisión municipal, senón que acabou por impoñer esa decisión pola forza, literalmente pola forza, utilizando a policía municipal como se fose a súa garda pretoriana. Esta forma de gobernar é intolerábel. E por iso é urxente o cambio.

A nosa alternativa resumiuna á perfección o noso candidato á alcaldía, Serafín Otero, cando botou man dunha máxima do movemento zapatista: queremos gobernar [elas din mandar] obedecendo. Obedecendo ao povo. Escoitando, dialogando, creando espazos para a participación directa da veciñanza na toma de decisións. Estamos a ultimar o noso programa de goberno, dialogando con colectivos e movementos sociais. Imos incorporar medidas concretas para avanzar cara a unha verdadeira democracia veciñal, como expresión diso que apuntabamos antes, de que o cambio ten que ser protagonizado pola xente, creando espazos de poder popular.

E no concreto, para a xente moza?

Hai tres grandes liñas. Dunha banda incorporar a realidade e a problemática específica da mocidade de maneira transversal a todas as políticas municipais, e dada a situación de emerxencia social sobre todo nas políticas sociais e de emprego que imos impulsar desde o Concello. A mocidade ten que ser moito máis que unha pequena concellaría. Os problemas e as necesidades da xente moza non poden quedar limitadas nas paredes administrativas dun pequeno departamento.

En segundo lugar, é hora de superar definitivamente o paternalismo co que habitualmente se orienta a política xuvenil. Ollar as programacións de actividades ou repasar a lista de servizos que se lles oferta á xente nova desde o Concello é suficiente para comprobarmos que non foron nin pensadas, nin deseñadas por xente moza. E menos para a xente moza de hoxe.

Antes fixen referencia á necesidade de que a mocidade se empodere, non? Pois esa é a chave coa que queremos reorientar a política xuvenil de Vigo. Que sexa a mocidade quen a través da súa participación directa defina que facer e como o facer. Mais esa participación non queremos que fique limitada ao deseño de programas. Queremos contar coa mocidade tamén na súa posta en marcha. Nese sentido hai que superar vellas concepcións que quedaron estancadas no modelo de asociacións xuvenís. Hoxe hai máis mocidade organizada que nunca. Pode que non teñan estatutos, nin rexistro legal. Organizada de maneira informal, en grupos deportivos ou musicais, para practicar unha afección ou por compartir gustos e intereses. Hai que darlles cabida a todas e todos. Penso, por exemplo, en que sentido tería poñer de novo en marcha un programa de actividades alternativas para o lecer nocturno sen contar coa opinión da propia xente nova.

Hai que superar a infantilización da política xuvenil, comezar a tratar a xente nova como cidadanía e non como meros usuarios e usuarias. Sobre todo cando comprobamos que a mocidade xa non se limita a unha faixa definida de idade, e que hoxe é unha realidade moito máis ampla que hai dez ou quince anos.

E terceiro, entender que as necesidades da mocidade non se limitan ao lecer ou a actividades culturais e deportivas. A implementación de salas de estudo, a mellora do transporte urbano atendendo as súas particularidades, como os horarios ou a mellora da conexión coa universidade, son exemplos de necesidades concretas que non se están a atender.