Pablo Ríos reelixido na Asemblea do Morrazo

Alberte F. e Pablo R.

Unha ducia de militantes e simpatizantes da mocidade do Bloque Nacionalista Galego reuníronse este sábado no local comarcal de Moaña para renovar os órganos de dirección da fronte xuvenil no Morrazo, despois da Asemblea Nacional celebrada en Compostela o pasado 26 de novembro.

Despois de dúas horas de debate e votación foi reelixido como Responsábel Comarcal de Galiza Nova Pablo Ríos “Kai”, mentres que Brais Oya será o novo Responsábel de Organización. Asemade, Laura Santomé desempeñarase como Responsábel da Asemblea de Mulleres e Pablo Blanco de Comunicación.

Tamén se configuraron os grupos de traballo para os vindeiros actos que Galiza Nova no Morrazo ten na axenda, como unha charla para desmontar os cánones de beleza  e unha serie de minivídeos denunciando diversas problemáticas sociais.

O novo secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, presente na xuntanza, sinalou que “só se as persoas novas se implican podemos cambiar o futuro de desesperanza, desemprego e emigración ao que nos quere condenar o Partido Popular”. Pola súa banda, Pablo Rios afirmou que “o noso papel está claro, no Morrazo a mocedade está e estará na primeira liña de todos os conflictos sociais”.