En febreiro de 2026 o pobo galego vencía a macrocelulosa de Altri e con ela a Xunta da Galiza, cando nas mans do Partido Popular comezaba desde outubro de 2020 a súa loita de implantar unha bomba ambiental no corazón do noso país. Primeiro Alberte Núnez Feixoo e, despois, Afonso Roda tentaron disfrazar e esconder o seu apoio incondicional ao proxecto da macrocelusa. O PP cría que o pobo galego ía ollar cara outro lado e ficar calado, mais o seu apoio foi rexeitado por toda a Galiza.
Durante todo este tempo o pobo galego soubo defender con todas as súas forzas o noso país fronte a quen o quería destruír. Galiza uniuse cun obxectivo claro: derrotar Altri e deixarlle claro ao PP que as galegas están en contra das súas políticas contaminantes, de espolio, devastación e ruína.
As mariscadoras da Arousa defenderon as nosas rías fronte aos que as querían roubar, as armadoras fixeron soar as bucinas dos seus barcos nunha multitudinaria manifestación por terra e mar na Pobra do Caramiñal, as labregas deixaron claro que a Ulloa non é unha comarca deprimida e que nela arraigan proxectos con presente e con futuro, máis de 24.000 persoas persoáronse cubrindo do seu puño alegacións contra o proxecto, 20.000 facían colapsar Palas en maio de 2024, 80.000 galegas enchían a capital da Galiza co berro “Altri Non” e a mocidade galega amosaba, máis unha vez, que ninguén nos ía calar na defensa do noso futuro e do noso país. Galiza Nova chegou a ser acusada e criminalizada por un PP que buscaba apuntar todas aquelas persoas que denunciaban as súas políticas cómplices e destrutoras.
Na loita contra Altri o pobo galego deixou claro que somos uns suxeito político vivo e que, se nos organizamos, somos quen de protexer o noso país, incluso cando nos daban por mortas e derrotadas. Unha loita que amosa a importancia de nos organizarmos e de reivindicarmos nas rúas as políticas de país que queremos.
A derrota de Altri abre un novo camiño no país, mais quedan moitas loitas que vencer para libertarmos a Galiza de quen a quere pequena, espoliada e destruída. Quedan moitas loitas para libertarmos a Galiza do PP. Quedan moitas loitas nas que a mocidade galega debemos seguir a organizar para deixar claro que non imos calar e que seguiremos a defender a Galiza ceibe coa que soñamos e na que queremos construír o noso futuro.
