Vivimos nun mundo que muda moi rápido e en que cada vez é máis difícil ter certezas sobre o que nos deparará o futuro. Neste contexto, a escalada militarista e a crecente agresividade dun imperio que se revolve ao ver ameazada a súa hexemonía non fai máis que xerar dúbidas sobre o mundo que se nos vén enriba e sobre se a mocidade poderá ter un futuro nel.
Hoxe en día, as relacións internacionais veñen marcadas por un clima de tensión entre unha vella potencia en aparente declive e novos focos de poder no mundo que lle disputan o liderado. Así, ante a perda de hexemonía e a incapacidade de competir no seu propio sistema, os EUA e os seus subordinados veñen articulando unha estratexia encamiñada a aumentar o gasto militar e a militarización para poder xustificar intervencións armadas, ou mesmo anexións, sobre outros territorios. Actuando, así, de policía do mundo, baixo unha retórica xa obsoleta de exportadores de liberdade e democracia.
Se interferires nos seus intereses ou tes relacións comerciais con quen non debes, es unha ameaza para «o seu estilo de vida» e, por tanto, susceptíbel de intervención e se tes unha posición xeoestratéxica importante ou recursos necesarios, tamén de anexión. É evidente a farsa que sempre representou o seu dereito internacional.
As caretas van fóra e xa non é preciso gardar as aparencias, levamos anos a ser intoxicados polos medios de comunicación da necesidade de defendernos da ameaza que representan actores supostamente irracionais ou malvados como a Rusia ou a China. O obxectivo é xerar o medo suficiente para xustificar socialmente o gasto militar, a compra de armas e o papel da OTAN e das forzas armadas como unha necesidade, ademais da recuperación do servizo militar (como estamos vendo en case toda a Europa).
O certo é que parece que esta estratexia está funcionando. Acabamos de ver como os EUA bombardean a Venezuela asasinando máis de 100 persoas e secuestrando o seu presidente constitucional sen que houbese consecuencias políticas e cunha limitada contestación social. Agora vemos como lle pon prezo á Groenlandia, quen será o seguinte? Cara a que mundo camiñamos se continúa a escalada militarista? Que imos facer?
Vivimos un rearme sen precedentes en todo o mundo desde o final da Guerra Fría, neste contexto, o medo pode facernos dubidar e mesmo alguén pode pensar que sexa necesario aumentar o gasto militar para non ficar atrás, mais iso para onde nos leva? Temos que ter claro a quen serve realmente esta aposta pola guerra e quen pagará as consecuencias. Aumentar o gasto militar non implica aumentar a nosa seguranza, mais ben o contrario: se todos os estados o fan, aparecerán novos conflitos e con peores consecuencias. Ademais, serán millóns de euros destinados ao armamento e á guerra e non a cubrir as nosas necesidades humanas: menos gasto en sanidade, educación e outros servizos públicos. Alén diso, debemos ter presente que serán as fillas das clases populares galegas as que nos vexamos obrigadas a facer o servizo militar e en caso de guerra seremos nós quen mobilizará o exército.
Nun país como o noso, a falta de soberanía impídenos decidir sobre o noso modelo económico e sobre o papel que debe ter a Galiza no mundo. Se esta deriva continúa, verémonos obrigadas a ser cómplices indirectas das agresións e guerras imperialistas, tendo que ceder as nosas materias primas para fabricar armamento e os nosos portos e instalacións aéreas para exercicios militares, en troques de servir para o desenvolvemento do país.
Que horizonte vital se ofrece á mocidade se continuamos normalizando o militarismo e as guerras? Como imos desenvolver un proxecto de vida nun contexto de medo e incerteza se os gobernos priorizan o gasto militar fronte a políticas que garantan vidas dignas?
A mocidade galega non precisamos de máis armas, nin máis exércitos nin máis conflitos, senón de dereitos, oportunidades e capacidade de decidir sobre o noso propio futuro. Fronte a esta deriva militarista, defender a paz non é unha consigna baleira de contido, senón un acto profundamente político. Rachar coa lóxica belicista, apostar pola saída da OTAN e rexeitar calquera forma de servizo militar é, xunto coa aposta por unhas relacións internacionais baseadas no respecto á soberanía dos pobos, unha aposta clara de que a vida debe estar por riba dos intereses do imperialismo. Porque non hai futuro nin esperanza para a mocidade nun mundo armado até os dentes que só ofrece medo, incertezas e guerra. É unha necesidade urxente tomar a serio a defensa da soberanía dos pobos, da cooperación e da vía da diplomacia, para construírmos un mundo en paz en que podermos vivir.
