Parabéns á Asociación Monte Pindo Parque Natural

montepindoÉ un dos montes máis míticos e coñecidos da Costa da Morte e tamén de Galiza, polas súas raras calidades xeolóxicas, pola presenza de abondosas especies naturais protexidas e únicas, polos mitos e a historia que o rodean, e por ser un dos principais recursos de futuro non só do seu entorno inmediato senón de toda a zona. Mais o Monte Pindo está en total abandono polas institucións e exposto a ameazas, como os recentes incendios, o vandalismo, o tránsito de motos e quads por zonas que deberían estar altamente protexidas, etc…

Ante esta situación de desamparo medioambiental da Xunta, un grupo de veciñas e veciños de Carnota organízanse para a súa declaración de Parque Natural, buscándolle así solucións á desprotección do noso Olimpo Celta.

Este mes, a asociación Monte Pindo Parque Natural cumpre 5 anos de loita e activismo ecolóxico e Galiza Nova quere parabenizar o traballo e a perseverancia desta entidade, na que cremos e facemos parte desde o primeiro día do seu nacemento. Moitos parabéns e que a Declaración de Parque Natural sexa canto antes!

Consulta e participa nas actividades que a Asociación Monte Pindo Parque Natural realiza como motivo do quinto aniversario.