Paremos o xenocidio en Palestina!

palestinaO que acontece na Faixa de Gaza non é un feito illado nin cuxuntural senón que toma parte nunha estratexia máis ampla que ten por obxecto aniquilar o pobo palestino.

Trátase dunha limpeza étnica que o goberno sionista desenvolve desde a fundación do Estado de Israel en 1948 amparado pola chamada comunidade internacional, a ONU e os Estados Unidos.

Gaza constitúe na actualidade o maior campo de concentración do mundo. Un territorio de apenas 360 km cadrados no que viven 1 millón e medio de persoas en permanente asedio. A súa poboación non pode dispor con liberdade das súas vidas. Ao igual que nos territorios ocupados e en Cisxordania non poden saír nen entrar das vilas e cidades sen ser asaltad@s por soldados israelitas nos múltiples controis ou checkpoints militares espallados por toda Palestina. Asemade, o pobo e, nomeadamente a mocidade, padece agresións constantes, detencións arbitrarias, batidas policiais, destrución de casas e infraestruturas.

Os medios internacionais de comunicación, en mans de oligarquías pro-sionistas, presentan a masacre como un escenario bélico. Mais nin Gaza nin o conxunto de Palestina posúe exército, mariña nin forza aérea, mentres que Israel, armado polos Estados Unidos e con axuda da Unión Europea, é hoxe a cuarta potencia militar mundial.

O que acontece en Palestina non é unha guerra nin un conflito armado é un xenocidio. Malia que o Estado de Israel teima en afirmar que é obxecto de agresións terroristas as cifras falan por si propias. Desde o 2000 foron asasinadas 14.000 crianzas, segundo a ONU, e ningunha era israelita. Todas palestinas. As persoas refuxiadas cóntanse por millóns e as presas e exiliadas por milleiros.

Desde Galiza non podemos permanecer impasíbeis diante deste crime. É por iso que desde Galiza Nova reafirmamos a nosa vontade internacionalista e amosamos toda a nosa solidariedade co pobo palestino como tamén o facemos con todos os pobos oprimidos do mundo. Denunciamos, máis unha vez, a ocupación israelita dos territorios palestinos e exiximos o cesamento de todas as agresións militares e policiais.

Asemade, lanzamos un chamamento ao pobo galego para se unir á campaña internacional Boicot, Desinvestimento e Sancións contra Israel (BDS-Galiza).

Non á ocupación criminal de Palestina!
Liberdade para os pobos! Palestina vencerá!

Olalla Rodil Fernández é xornalista e Responsábel de Relacións Internacionais de Galiza Nova.