Participa nas XXII Xornadas de Inverno de Galiza Nova: Carreiros diversos para futuros seguros

As XXII Xornadas de Inverno de Galiza Nova, que terán lugar en Ourense os días 12 e 13 de febreiro, pretenden mostrar por unha banda a historia do movemento LGBT e pola outra a importancia a acción e a organización feminista, nun ambiente distendido construíndo nós a nosa propia diversidade e coñecemento.

Na dimensión social seguimos a ser testemuñas de multitude de violencias das que mozas e mozos somos vítimas cada día: económica, laboral, institucional, psicolóxica, física, sexual, simbólica… e das que nós, como individuos parte da sociedade, e organización social ao servizo dos intereses das galegas e galegos, non podemos obviar.

Os obradoiros están enfocados para mellorarmos tanto como organización como a título individual, pulando pola aprendizaxe entre iguais mellorando a nosa capacidade de acción política na nosa realidade próxima. Unha xornada enfocada a que cada unha das persoas que participe aporte o seu coñecemento e visión para enriquecer a bagaxe organizativa e persoal.

Debemos preguntarnos cal é o papel dos homes neste proceso de reivindicación liderado polas mulleres. Con todo isto, as XXII Xornadas de Galiza Nova propóñense cunha dupla vertente: por unha banda como sesión formativa teórica, na que se abordarán os diferentes marcos teóricos desde os que están formulados as vixentes teorías feministas e de dereitos e liberdades LGBT. Pola outra, como un primeiro obradoiro de despatriarcalización da militancia, a través da análise colectiva e individual das nosas realidades cotiás, dos nosos comportamentos dentro e fóra da organización e, tamén, dos nosos privilexios.

As Xornadas están aberta a participación para toda a militancia e simpatizantes de Galiza Nova. Podes inscribirte nas Xornadas premendo aquí. Esperámoste!

 

Horario das Xornadas

 

Sábado

Hora Actividade
MAÑÁ Benvida ás XXII Xornadas (Noa Presas)
Visibilización, simboloxía e valorización das referentes que abriron o camiño na loita LGBT.
Dinámica de grupos:

Grupo 1: Violencias e discriminacións contra as persoas LGBT no mundo e na Galiza do s. XXI

Grupo 2: Oportunidades e desafíos sociais, orgánicos e ideolóxicos que abre a diversidade sexual e de xénero.

Exposición de conclusións
MEDIODÍA Xantar
TARDE Grupo 1: Obradoiro de autodefensa
Grupo 2: Obradoiro de deconstrucción patriarcal
Actividade de conclusión
NOITE Cea e convivio

 

Domingo

Hora Actividade
MAÑÁ Roteiro “A vixencia da xeración Nós 100 anos despois” e ofrenda floral a Eduardo Blanco Amor
MEDIODÍA Xantar
TARDE Actividade de peche/despedida