Participa no proceso de primarias para a candidatura galega de unidade

colante sereaAchéganse unhas eleccións xerais cruciais para o futuro do noso país. Cambiar as cousas está nas nosas mans. Podemos seguir o camiño que nos marcan e nos conduce á miseria e á emigración, ou sermos quen de decidir o noso propio futuro, rebelándonos e construíndo a Galiza nova na que a mocidade galega emigrada poida voltar á terra e na que o traballo sexa digno e con dereitos.

De cara ás eleccións xerais do 20D, como mocidade do BNG, estamos traballando no marco da plataforma cidadá Iniciativa pola Unión, ampla e plural, na que participan outras forzas políticas ademais do BNG, e que segue aberta á incorporación de novas persoas e organizacións para conformar esa candidatura galega de unidade, con grupo parlamentario propio e para garantir que Galiza teña voz por si mesma, potente e soberana, para defender os intereses da mocidade deste país, para defender o dereito a decidir e para camiñar cara a nosa soberanía.

Nese proceso, dende Galiza Nova e o BNG instamos a toda a cidadanía que comparte estes obxectivos a participar no proceso de primarias da plataforma cidadá IpU, xa que na unión da forza das galegas e galegos está o porvir da nosa independencia. Calquera persoa pode facelo até o 3 de novembro inscribíndose no censo aberto pola plataforma cidadá que pode consultarse desde a súa web. polaunion.gal

O noso pobo precisa da túa participación, da túa forza. Por iso apostamos por unha participación masiva neste proceso de primarias totalmente aberto á sociedade. Inscríbete e participa no proceso!