Participamos na manifestación nacional pola soberanía!

Comitiva de Galiza NovaAs mozas e mozos de Galiza Nova saíron ás rúas de Compostela na manifestación nacional convocada polo Bloque Nacionalista Galego e que xuntou a milleiros de galegas e galegos na reivindicación da Soberanía da Galiza neste 15 de setembro.

Máis de 10.000 persoas percorreron as rúas de Compostela esixindo unha Galiza plenamente soberana até encher a Praza da Quintana, onde o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, reafirmou que as mozas e mozos de Galiza Nova “non imos cesar de loitar até conseguir o noso dereito a un traballo digno e na terra”, e chamou a rebelarse pola Soberanía como ferramenta precisa para crearmos un futuro con emprego, ensino público e liberdade para a mocidade galega. Así mesmo, parabenizou ás e aos asistentes polos 25 anos da Galiza Nova, “Nin puideron coa mocidade galega, nin van poder. E ante nós temos a proba, 25 anos de Galiza Nova, 25 anos de loita da mocidade do BNG por unha Patria Soberana”.

A continuación, tomaron a palabra doce voces representativas dos sectores da poboación máis afectados polos recortes sociais e as políticas antigalegas do Partido Popular. Finalmente, o Portavoz Nacional do BNG, Xavier vence, foi desmiuzando todas as razóns que levan ao BNG a apostar pola soberanía, como a única maneira para solucionar os problemas do país é facernos cargo do noso futuro como nación.

Bótalle un ollo á galería de imaxes da mocidade na manifestación nacional.