Participamos nas I Jornades LGBTI dels Països Catalans

Os vindeiros 9, 10 e 11 de xuño a Asemblea Nacional LGTBI de Galiza Nova participará das I Jornades LGBTI dels Països Catalans organizadas polas compañeiras da Crida LGBTI. Desde a AN LGTBI agradecemos profundamente ás organizadoras por contar connosco para as súas primeiras xornadas.

É moi importante para nós contar con estes espazos internacionais onde coñecer mellor os desafíos que ten por diante a loita pola liberación sexual desde unha perspectiva nacional e de clase.

A existencia destes espazos son fundamentais, pois permítenos ver como se leva a cabo a loita LGTBI noutros países e aprender colectivamente dos acertos e erros doutras organizacións. Ademais de explicar a situación do noso país no referente á situación do colectivo LGTBI.

Estas I Jornades LGBTI dels Països Catalans son unhas xornadas moi completas tratando temas fundamentais como o tratamento do colectivo LGTBI nos medios de comunicación,a desestigmación da sida ou o papel da loita LGTBI nas organizacións xuvenís. Este últmo tema é o que trataremos desde Galiza Nova, xunto con Purna (Aragón) e Joves Trans de Barcelona (Països Catalans).

Ademais haberá ponencias sobre como afecta o capitalismo nas nosas vidas apropiándose da nosa loita para facer un lavado de cara e ganas beneficios económicos ou a situación do colectivo LGTBI nas aulas e nos centros de ensino.

Apresentaranse tamén diferentes proxectos de loita LGTBI dos Països Catalans, que é fundamental para coñecermos que ferramentas poden ser útiles neste momento histórico para loitar pola nosa liberación sexual.

Sen esquecer a importancia da formación para mudar o mundo, sen formación estaremos repetindo os mesmos erros continuamente. Por iso precisamos de espazos formativos no camiño da cooperación entre persoas e entre pobos. Aprender sempre é a única garantía para gañarmos esta batalla histórica para poder exercer libremente a nosa sexualidade, para poder ser homes e mulleres libres nun mundo libre.