Daniel Garrido é militante de Galiza Nova e profesor de Filosofía
no IES Johan Carballeira de Bueu.

O anteproxecto da LOMLOE esquécese do acordo de todos os grupos políticos no Congreso español de restituír o lugar da Filosofía na educación que perdera coa LOMCE, e que o propio PP recoñecera como un erro.

Hai quen dende o españolismo está a criticar a LOMLOE por supoñer un ataque contra o castelán. Este feito leva a que a mocidade nacionalista vexamos con bós ollos unha reforma educativa que poida abrir a porta a acabar coa discriminación que sofre o galego actualmente en Galicia e que impide que as matemáticas e outras ciencias se poidan ensinar en galego.

Mais o verdadeiramente preocupante do anteproxecto da LOMLOE é o que supón de continuidade coa LOMCE en algúns dos aspectos máis nocivos da mesma como foi o feito de reducir á filosofía e en xeral os estudos das humanidades a súa mínima expresión. Este feito xa grave de por si vese aínda máis escurecido debido a que o actual goberno español acordara cos demais grupos políticos no 2018 restituír o papel da Filosofía na educación como base da formación de cidadáns libres e con espírito crítico a través dunha materia de Filosofía en 4º da ESO e recuperar o carácter troncal de Historia da Filosofía en 2º de Bacharelato. E finalmente no último borrador da LOMLOE a idea de xerar un ciclo completo de Filosofía entre 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato foi eliminada.

Isto supón seguir pensando que a Educación é aprender matemáticas e outras ciencias, e que as humanidades só son un estorbo, esquecendo que preguntas como “como podemos saber que algo é real?”, “como podemos saber que algo é certo?”, “como podemos saber que é bo ou correcto?” ou “como podemos saber que é xusto ou lexítimo?” deben atoparse como unha peza central da formación do alumnado.

…. a Filosofía debe ter un papel clave na educación, e debemos alzar a voz para esixir que o PSOE ou calquera outro partido non a volva a situar como un saber menor e prescindible tal e como aconteceu -e segue acontecendo- coa LOMCE. Senón teremos que seguir preguntando quen teme, e por que motivo, á Filosofía.

Ademais as materias de Filosofía abren un campo de reflexión que non abren as demais materias, abrindo moitos debates sobre todo tipo de cuestións epistemolóxicas, éticas e políticas que axudan ao alumnado xa non só a reflexionar sobre o que se lle pregunta, senón a pensar por si mesmos e facerse novas cuestións. O que lles axuda a formar unha actitude moito máis reflexiva ante o mundo.

Hai que recordar que a nivel galego o goberno da Xunta de Feijóo non fixo máis que secundar a LOMCE nos seus aspectos máis lesivos, e que mentres que en Cataluña e outros lugares se fixo o posible dentro da lei para manter estas materias, aquí se recortou todo o que se puido. Tamén cabe sinalar que no Parlamento galego se aprobou unha ILP impulsada entre outras persoas por Carme Adán (ex deputada do BNG e profesora de Filosofía) en defensa de que Historia da Filosofía volvese ser unha materia troncal en todas as modalidades, mais a Xunta non fixo nada por facela efectiva.

En resumo, a Filosofía debe ter un papel clave na educación, e debemos alzar a voz para esixir que o PSOE ou calquera outro partido non a volva a situar como un saber menor e prescindible tal e como aconteceu -e segue acontecendo- coa LOMCE. Senón teremos que seguir preguntando quen teme, e por que motivo, á Filosofía.

One Comment

  1. Moi de acordo co profesor Daniel Garrido. Máis que nunca debemos darlle ás novas xeracions as ferramentas que permitan desenvolver o espiritu crítico ante os novos retos da sociedade da información.. Por riba, incluso, da lingua na que se faga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *