Ao fío da detención de Raúl A.C. desde Galiza Nova queremos amosar a nosa solidariedade co veciño de Barreiros, a súa familia e amizades, perante a campaña de criminalización que se está a desenvolver e a vulneración de dereitos. Expresamos a nosa máis fonda preocupación e rexeitamento á campaña mediática de criminalización que, após o seu apresamento, iniciaron os medios de comunicación sistémicos. Unha campaña que visa, en última instancia, criminalizar a mocidade galega e o movemento independentista deste país.
Nas últimas horas foron vulnerados cuantiosos dereitos que se presupoñen inherentes a calquera persoa producíndose mesmo significativas faltas de rigor xornalístico nas informacións difundidas por algúns xornais dixitais que publicaron dados falsos a respecto do rexistro acontecido na xornada do 3 de outubro.
O dereito á intimidade, á propia imaxe e, por riba de todo, á presunción de inocencia debe ser respectado -e garantido- en todas as ocasións. E máis naqueles casos, coma este, onde os feitos adquiren especial relevancia mediática e son empregados, en non poucas ocasións, cun marcado e claro obxectivo político.
Neste senso, amosamos -como xa temos feito en anteriores ocasións- o noso firme compromiso na defensa dos dereitos humanos. Motivo polo que non podemos máis que alertar da clara indefensión na que se atopa, arestora, Raúl logo de serlle aplicada a denominada Lei antiterrorista. Un marco xurídico excepcional que, como confirman os sucesivos informes elaborados polo Comité europeo para a prevención da tortura e outras institucións internacionais como as Nacións Unidas, supón unha vulneración dos dereitos da persoa detida. Así é que amosamos o noso rexeitamento e demandamos a derrogación deste entramado xurídico-normativo en aras de garantir o dereito á lexítima defensa, o dereito á tutela efectiva e ás debidas garantías procesuais.