Perante a represión e a manipulación informativa

Foto de Galiza Contrainfo.

Desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, denunciamos a vaga de detencións realizadas entre onte e hoxe por parte da Policía Española a persoas de diferentes colectivos sociais polo feito de acudir a mobilizacións e actos políticos respectivamente.

Estas detencións leváronse a cabo nos domicilios das persoas detidas, posto que a policía rastreou a súa asistencia a determinados actos a través de fotografías dos mesmos, algo que se permite facer pola aprobación da Lei Mordaza do Partido Popular e que malia existir unha maioría alternativa no Congreso en Madrid, segue estando en vigor.

Galiza Nova considera ademais que estas detencións neste momento concreto teñen motivacións políticas e rexeitamos profundamente a política de dispersión que se está a realizar con determinadas presas galegas por motivos ideolóxicos e que vai totalmente en contra dos Dereitos Humanos.

Denunciamos así mesmo a mensaxe que están a lanzar os medios de comunicación sistémicos, que transmiten a idea da existencia dun estado contínuo de violencia na Galiza e en concreto na capital da nación totalmente irreal. Ademais tamén denunciamos a interesada relación que se fai desta violencia nos medios de comunicación co movemento de liberación nacional da Galiza, que busca desprestixiar o independentismo e o nacionalismo, ao mesmo tempo que se crea unha situación de alarma entre o pobo galego  Toda a operación, conxunta entre os medios sistémicos, a policía española e o estado, busca a desmobilización do pobo galego. Mais o movemento de liberación nacional da Galiza seguirá loitando sen descanso pola liberdade do noso pobo.

CONCENTRACIÓNS ESTE MÉRCORES 21/06/2017:

  • Compostela, 20:30, Cervantes.
  • Ourense, 20:30, Praza do Ferro.
  • Burela, 20:30, Praza do Concello.
  • Lugo, 20:30, Praza Maior.

CONCENTRACIÓNS ESTE XOVES 22/06/2017:

  • Pontevedra, 20:30, Praza da Peregrina.
  • Vigo, 20:30, Marco.