Plan Galiza Nova

A mocidade galega leva anos e anos sometida polas políticas do Partido Popular. O futuro para as mozas e mozos deste país, na actualidade, so ofrece dúas alternativas: a precariedade ou a emigración.

A imposibilidade de acceder a unha vivenda digna, a vulneración dos nosos dereitos lingüísticos en todos os ámbitos das nosas vidas, a falta dun ensino de calidade, a criminalización á que nos últimos tempos nos vimos sometidas por parte dos medios de comunicación coa complicidade dos gobernos, etc. non son máis que algún dos exemplos da realidade na que vivimos as mozas e mozos galegos.

É necesaria unha política que centre realmente os seus intereses no presente e no futuro da súa sociedade, que sexa alternativa e solución aos problemas da mocidade galega e que poida garantir un futuro digno na nosa terra.

O Plan Galiza Nova é iso, unha folla de ruta que sirva para construír unha Galiza para a mocidade, cunha análise actualizada da nosa realidade e as alternativas políticas que desde a nosa organización demandamos para cambiar este país de esquina a esquina. Con aplicación nas institucións, nos centros de traballo, nos centros de ensino, nas asociacións e sobre todo, onde sempre estivemos: nas rúas.

O Plan Galiza Nova é a ferramenta útil que a mocidade deste país necesita para que o futuro non sexa a emigración senón poder ter unha vida plena na nosa terra.

 

Aquí tes o arquivo en pdf para descargalo: PlanGalizaNova_v7