2. Plan Retorna para recuperar a mocidade emigrada

plantilha cartazes da campanhaGaliza perdeu máis de 100.000 mozas e mozos desde a chegada de Feijóo á Xunta. Mocidade que tivo que coller as maletas para buscar un futuro que o PP lle nega na propia terra. Estes datos dramáticos son un claro indicador da marcha da nosa economía.

Para o BNG é preciso actuar de inmediato, para que as mozas e mozos da Galiza teñan traballo digno na nosa terra, acorde co seu nivel formativo, e para aproveitar o investimento que supón ter a xeración mellor formada da historia e que reverta na prosperidade da nosa nación.

Aprobaremos un Plan específico,O PLAN RETORNA, dirixido a fomentar as condicións necesarias que permitan a volta a Galiza das persoas emigradas, particularmente as mozas e mozos menores de 35 anos e que inclúa as seguintes medidas:

Elaborarase -con participación social e sectorial- un conxunto de medidas dirixidas á volta da nosa mocidade emigrada para traballar en Galiza, con medidas tanto específicas como transversais aos sectores a reactivar para favorecermos a recuperación da nosa xuventude emigrada. Así, as medidas comprenderán axudas directas a empresas que contraten a galegos/as que retornan, con especial atención ao retorno de de investigador@s e tecnólog@s emigrados, un programa de bolsas para a ampliación de estudos e un fondo de vivendas en aluguer, que terán entre os seus destinatarios prioritarios as persoas retornadas. Os programas a levar a cabo serán os seguintes:

Programa de retorno de investigador@s e tecnólog@s emigrados.

As políticas dos gobernos do PP levan provocando unha forme emigración de mozas e mozos galegos, especialmente os máis formados. Será unha prioridade para o BNG impulsar o seu retorno mediante unha liña de axudas específica que favoreza que centros de investigación contraten a investigador@s e tecnólog@s que nestes intres se atopan emigrados, mediante a subvención parcial e gradual do seu custo laboral.

Programa de incorporación laboral en sectores estratéxicos.

Dentro dunha visión priorizada da nosa economía na cal se definen sectores estratéxicos, este programa axudas á contratación nestes sectores das persoas actualmente emigradas.

Programa de apoio ás empresas manufactureiras e industriais para a localización de emprego, con atención á contratación de persoas retornadas.

O Goberno apoiará a reversión de procesos de deslocalización empresarial, das empresas auxiliares en sectores importantes da economía, como o téxtil ou a automoción, reservando na creación de emprego incentivos para a contratación de persoal retornado, especialmente con perfil técnico e experiencia laboral.

Programa específico de apoio a través de capital risco para o emprendemento ou a creación de empresas por persoas retornadas.

A través das liñas de apoio de capital risco e avais dos instrumentos financeiros da Xunta, reservaranse liñas específicas para incentivar a creación de empresas ou emprender de xeito autónomo a actividade profesional de persoas que retornen a Galiza.

Programa de vivendas en aluguer.

Dentro da aposta do BNG por impulsar vivendas de aluguer a diferentes colectivos, existirá unha liña específica destinada ao aluguer de vivendas das mozas e mozos que retornen ao país.

Programa de ampliación de estudos.

Este programa dotará de dotará bolsas de estudo a aquelas persoas retornadas que queiran incrementar a súa formación no ensino público de Galiza.