A taxa de emancipación xuvenil na Galiza é de tan só o 15 %. A gran maioría da mocidade galega non pode vivir pola súa conta e ter un soldo a finais de mes non garante poder independizarse. Non coñecemos outra realidade que a crise constante, a precariedade e a perda progresiva de dereitos sociais que xa parecían gañados para sempre.
Cando pensamos en emanciparnos e desenvolver os nosos proxectos de vida, atopámonos de fronte coa realidade que ofrece este sistema á xuventude galega: salarios máis baixos, maior precariedade, inestabilidade, emigración e a imposibilidade de encontrar unha vivenda a un prezo asumíbel.
Entón, cales son as nosas perspectivas como mocidade? Encontrar emprego precario e mal pagado para dedicar máis da metade a un alugueiro e non poder aforrar? Vivir até os 40 anos no fogar familiar até poder mercar unha vivenda? Emigrar? Non era que o traballo e a vivenda eran un dereito fundamental?
Se ti tamén te preguntas como vas facer para ter unha vida digna na Galiza é porque pertences ás clases populares deste país. Alén das cuestións estruturais, a dependencia do estado español acrecenta o problema e a solución pasa por tomar consciencia de que o nacionalismo é a mellor ferramenta para combater este sistema. O noso futuro está cheo de incerteza, o panorama é desalentador, mais os nosos soños son iguais. Desenvolver un proxecto de vida, con dignidade, no noso país. Eu teño claro que a solución pasa por organizarse en chave galega e loitar por un futuro mellor, como dicía o poeta, común temos a patria, común a loita, ambos.
A vivenda é un cuestión central na nosa vida, xa que representa o piar básico, xunto co emprego, para desenvolver unha vida digna. O prezo da vivenda ascendeu de maneira extraordinaria na última década, hoxe en día un alugueiro na Galiza é un 51 % máis elevado. Quen pense que este é un problema só das grandes cidades vai por mal camiño. É nas grandes vilas galegas (20 000–50 000 habitantes) onde máis subiu o alugueiro nos últimos 5 anos, un 37,8 % fronte a un 32,4 % de media no país ou o 33,8 % das cidades. Fica claro que este é un problema que atinxe todo o país, sen excepcións.
Non queremos «casas sen xente nin xente sen casa», mais a realidade que vivimos na Galiza é máis complexa. Temos máis de medio millón de vivendas baleiras, case unha de cada tres, a maior taxa do estado. Ademais, cómpre ter en conta que contamos cunha dispersión da poboación que nos caracteriza e que a maioría do país vive en vivenda mercada e non de aluguer, aínda que isto estea mudando pola dificultade de aforrar para mercar; ademais, o prezo da vivenda nova ou usada tamén subiu case un 8 % só no último ano, a maior alza desde 2007.
Xa non falemos do impacto do turismo de masas nos últimos anos e as súas consecuencias sobre o prezo da vivenda, así como desprazando as residentes fóra dos centros das cidades. Estas teñen que estar feitas para a súa veciñanza, non para o turismo. Que, por certo, isto non só afecta as cidades, neste país temos as costas cheas de propietarios especulando coa vivenda, na comarca do Salnés e en boa parte das Rías Baixas sábeno ben.
Entón, que fixo o goberno galego? Pois resulta que cando son necesarias políticas públicas de vivenda o PP mira para outro lado. Regularon os prezos dos alugueiros? Non. Impulsaron a creación de vivenda pública para termos un parque que cubra as necesidades da sociedade galega? Non, en absoluto. Mobilizaron vivenda baleira, impulsando a restauración e recuperación de espazos? Non. Limitaron as VUT, talvez? Non, todo o contrario. Declararon zonas tensionadas onde era preciso? Non. Dotaron de servizos o rural e planificaron de maneira racional a ocupación do territorio? Non, nin o esperemos. Vaia, resulta que son eles os do NON cando se trata de aplicar políticas para a maioría dos galegos e galegas.
Por outra banda, o goberno do estado español (PSOE e Sumar) móstrase totalmente inútil para resolver a problemática no país. A día de hoxe a SAREB conta con case 3000 vivendas en Galiza (das cales 1300 están xa en condición de ser habitadas!) e foi incapaz de pólas a disposición do goberno galego ou dos concellos. Nada sorprende dun goberno supostamente progresista que xa entregara en 2022 parte dos activos da SAREB a fondos voitre. Nunca virá de fóra remedio ou esperanza.
En definitiva, a mocidade galega somos cada vez máis pobres e con menos dereitos e vemos como a vivenda se converte nun luxo só accesíbel para quen pode pagala. Nós temos claro que a vivenda ten que ser un dereito garantido para todas, e iso pasa por algunhas das propostas mencionadas e por organizarse en chave de país para dar resposta á crise de vivenda dende a nosa realidade. De novo, o nacionalismo popular como alternativa a un futuro de miseria.
Datos empregados: Censo de Poboación e Vivendas 2021 do INE e Observatorio Galego da Vivenda.