A Plataforma galega en defensa do ensino público, da que Galiza Nova forma parte, presentou unha petición formal perante a Valedora do Pobo na que solicitamos o seu amparo para que a Consellaría de Educación paralice inmediatamente a aplicación da LOMCE, con visos a posteriormente derrogala.
As numerosas mobilizacións e accións decorridas nos últimos anos por parte de toda a comunidade contra esta lei, veñen a demostrar que se trata dun produto tóxico para o ensino galego. Hai uns días, o Congreso español aprobou unha proposción instando ao Goberno español a suspender a súa aplicación, a norma ten os días contados. Neste senso, dende a Plataforma galega en defensa do ensino público reclamamos que a Valedora estea ao servizo do pobo e non dunha ideoloxía.
Sobre as competencias coas que contaría Galiza para non dar cumprimento á LOMCE, o portavoz da Plataforma galega en defensa do ensino público sinalou que a Consellaría podería “ter unha actitude totalmente contraria” mais que “son máis papistas que o papa”. Neste senso, lembrou o acordo alcanzado polo goberno vasco e o de Madrid para que Euskadi ficase exenta de aplicar algunhas das partes que compoñen a LOMCE. En troca, dixo, a aplicación na Galiza foi “unha auténtica chambonada” por parte dun executivo, o de Alberto Núñez Feijóo, que actúa “como alumno privilexiado” na súa execución mantendo un comportamento, acrecentou, de “vasalaxe e submisión”.
Así pois, a Plataforma galega en defensa do ensino público convoca unha concentración o 20 de abril perante a Consellaría de Educación para amosar o rexeitamento á reválida que este ano se levará a cabo en sexto de Primaria. Deste xeito, instan as familias a non enviar ao alumnado á escola o día da proba.
A LOMCE estase aplicando cunha improvisación absoluta
Exemplo da improvisación absoluta coa que se está a aplicar a LOMCE é que neste momento non se sabe en que vai consistir a proba, non está regulada na Galiza. Educación di que quere aplicar a proba xeral de etapa a todo o alumnado galego, porén, non está regulado para alén do disposto na LOMCE. A Consellaría non ten ningúnha resolución, normativa ou orde. Neste senso, dende a Plataforma galega en defensa do ensino público exixímoslle que diga realmente en que vai consistir esa proba alén do estabelecido na norma marco, isto é, materias do ámbito lingüístico, científico-tecnolóxico e matemático.
Esta é a mostra máis palpábel, máis evidente de que o mellor que se pode facer é paralizala, non hai nada que o impida neste momento.