Pola despatoloxización da transexualidade!

14708199_919920324818914_7780410153354694933_nPola despatoloxización da transexualidade!  Galiza Nova apoia e estará presente na mobilización deste domingo 23 na Coruña convocada por Alas, Arelas, Casco, Nós Mesmas, Transforma Unión Trans e Ultreia Lgtbi.

Reivindicamos as liberdades afectivo-sexuais e de diversidade de xénero, e denunciamos toda forma de discriminación que aínda sofren as persoas LGTBI en Galiza e en todo o mundo. Temos moito traballo por diante en materia de concienciación e normalización da realidade trans. Por iso, apostamos por unha educación inclusiva e a penalización dos discursos discriminadores e criminalizadores das persoas LGTBI que vemos a diario desde a política, Igrexa, poderes, medios de comunicación…

Para isto, é imprescindíbel unha lexislación que garanta a integración das persoas trans en todos os ámbitos da vida, así como a despatoloxización da transexualidade. Por isto Galiza Nova e o BNG apoiamos a proposta dunha lei galega de identidade de xénero, demandada polo tecido asociativo LGTBI da Galiza.

Por todo isto, Galiza Nova anima a mocidade galega a secundar os actos que o colectivo LGTBI organiza en defensa dos dereitos, na loita contra o cisheteropatriarcado, por unha Galiza e un mundo libre e diverso.