Hoxe quero facer memoria, resgatar do meu cerebro e descubrir cal foi o que me levou a considerarme feminista.
Lembro pequenos detalles,cousas que indicaban que ser nena ou neno tiña consecuencias diferentes. Decotío agasallábanme con monecas… das que gostaba, máis tamén quería xogar cos coches. Até que un día apareceu meu pai con dous coches un para min e outro para miña irmá. Despois veu o cole, os partidos de fútbol no barrio misturados rapazas e rapaces de diferentes idades, onde acostumaba xogar de porteira . Quizais porque aí non tiña que dar patadas!!
Recordo como con 9 ou10 anos sentía carraxe pensando porque os homes podían ir cumprir aquelo que se chamaba servizo militar
obrigatorio (coloquialmente a “mili)”e as mulleres non. Custábame entender esa diferenza aínda que daquela xa me consideraba pacifista. Logo aos 16 anos metinme en Galiza Nova. Era unha etapa de descuberta, de paixón e de gañas de mudar o mundo. De feito, tiven a ocasión de asistir a asemblea xeral de Galiza Nova na que se debateu e votouse a prol da independencia da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova (coido que foi no ano 1993) deixando de ser unha comisión máis como podía ser a de educación, emprego, antimilitarismo, etc… Implicaba que as políticas feministas decidiríanse no seo da Asemblea de Mulleres e non noutros organismos. Pensábamos daquela, acertadamente que tiña que existir un espazo propio para os debates feministas, un lugar no que as mozas compartiramos as nosas inquietudes sen interferencias nin protagonismos masculinos. Tiñamos que ser nós as mozas galegas quen definiramos a estratexia da organización para camiñar cara esa sociedade igualitaria.
Era a década dos 95 en diante e houbo momentos moi activos da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova.
Era a década dos 95 en diante e houbo momentos moi activos da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova. Porén tamén moi duros xa que ás veces as compañeiras da asemblea eran incomprendidas e as actitudes machistas que aínda reviven hoxe no seo das organización nacionalistas e nas de esquerdas naquel entón non eran menores. Cando tes que berrar máis para facerte ouvir, cando tes que dicir as mellores ideas, as que eles nunca dixeron para que te tomen en consideración, e por riba despois a idea pasa a ser deles e non túa, cando parece que ti formas parte dos organismos por esa idea de integrar algunha muller (o da paridade aínda non era avalado por todo o mundo como un criterio importante )… Certamente, non estabas a ser tratada de forma igual. Estes feitos, reafírmante nas túas crenzas e na cuestión da utilidade de facer traballo feminista para mudar esa situación non só socialmente senón tamén na propia organización.
Por esa época fixéronse campañas para animar ás mozas a participar no feminismo. Afondábase nas discriminacións que padecíamos por ser mulleres, máis dun 40% de desemprego, 25% menor salarios con respecto aos homes, falta de atención e asesoramento en temas de anticoncepción e sexualidade…
Tamén se incidiu en temas como a recuperación da memoria como necesaria para conquistar a liberdade, retomándose a figura e a reivindicación de Rosalía como a primeira feminista galega. Os debates arredor da utilización dunha linguaxe non sexista nos textos ou a imaxe na publicidade tamén eran recorrentes.
E se daquela o importante era ter eses espazos, hoxe en día a batalla feminista pasa por seguir a ter un espazo propio de decisión para ás mulleres máis é necesario incorporar aos homes dunha forma activa na loita feminista. Eles deben participar activamente nas manifestación, actos, charlas e xornadas formativas que se desenvolvan tanto desde a Asemblea de Mulleres como ser activistas feministas nos diferentes organismos da organización e Plataformas das que formen parte. Eles deben achegar ideas, suxestións, xa que a discriminación desa metade da humanidade debe ser unha loita compartida polas mozas e mozos galegos. E quizais chegue o momento en que se considere útil que tamén poida haber presenza masculina nos órganos de decisión. Por iso, eles tamén teñen que dar pasos. Esta cuestión véxoa un pouco lonxe, pero coido que mozos de Galiza Nova querían formar parte da Asemblea de Mulleres. Un debate interesante e do que de pode aprender moito. Cando comecei a participar do feminismo nas manifestacións do 8 de marzo estaba vedada a entrada aos homes. Só podíamos estar as mulleres. Daquela moi ben non me parecía, pero agora desde a distancia entendo que seguramente aínda non era o momento.
Un día como o 25 de novembro só queda por dicir que o feminismo é necesario para que non exista a violencia machista.
Remato recompilando un par de lemas ilustrativos das campañas desenvolvidas naqueles marabillosos anos de mocidade:
– As mozas galegas polos nosos direitos nunha Galiza Ceive
– Activas na transformación do País…
– NON MÁIS TERRORISMO SEXISTA!! ( moi actual )
Luísa González Rodríguez
Militou activamente en Galiza Nova e na Asemblea de Mulleres. É directora e asesora xurídica do Centro de Información ás Mulleres do Concello de Ribadeo. Fundadora e membra da Xunta Directiva do Observatorio da Mariña pola Igualdade.