‘Por que vou na lista do BNG?’ Artigo de opinión de Iago Rdríguez-Lestegás

lestegasO pasado sábado o Bloque presentou a #CandidaturaDaCidadanía para as eleccións europeas do 25 de maio. A lista encabézaa Ana Miranda, esa incansábel traballadora que nos deu voz aos galegos en Bruxelas, e representa a todos os sectores da sociedade galega agredidos polo austericidio ditado polo Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e outros organismos transnacionais que ningún de nós elixiu, e dilixentemente aplicado pola nosa dirixencia representada por Feijóo, Rajoy e outras herbas de toxo. Formo parte desa Candidatura. Por que?

“fixen as maletas e comecei unha búsqueda da dignidade laboral e a independencia persoal arrebatadas “

Preséntome. Nacín en marzo de 1987 en Lugo, esa cidade de lousa e granito sobre o Miño que Otero Pedrayo entendeu que era o triunfo da xeometría. Os meus pais déronme un nome co que levo a galeguidade polo mundo: Iago. Aos dezaoito cometín o acto suicida de ir estudar Arquitectura á Universidade Politécnica de Madrid. En 2012, despois de moita suor, algo de sangue e non poucas bágoas, pero tamén despois de tres experiencias marabillosas en Noruega, no Tíbet e na Arxentina, recibín un papel que di que son arquitecto. Non era aquel -non é hoxe- un bo momento para ser tal cousa en Galiza, nin para ser mozo, nin para ser nada, así que collín aquel papel, fixen as maletas e comecei unha búsqueda da dignidade laboral e a independencia persoal arrebatadas que me levou primeiro á Arxentina, despois a Euskadi, máis tarde a Noruega e finalmente a Italia, onde son bolseiro nun programa internacional de doutoramento en Rexeneración Urbana e Desenvolvemento Económico da Universidade de Reggio Calabria que para o ano me levará a Massachussetts.

“Pertenzo a esa xeración estafada por un réxime bipartidista que compartiu unha axenda común de desmantelamento do noso tecido produtivo”

Son un dos 77.000 mozos que abandonaron a Galiza de Feijóo nos últimos catro anos. Pertenzo a esa xeración estafada por un réxime bipartidista que compartiu unha axenda común de desmantelamento do noso tecido produtivo mentres tapaba con cemento, ladrillo e formigón o inmenso burato negro que a Unión Europea significa para a economía galega. A nosa situación é froito da corrupción sistémica, da depredación inmobiliaria, do premio á estafa e ao roubo, da malversación, do telelixo, do castigo aos loitadores e o desprezo aos soñadores, do caciqueo, da xustiza inxusta, da destrución da terra, do mar e do monte, do casino financeiro, da amnesia histórica, da distorsión mediática, do espolio centralista, do poder omnímodo dos mercados, da farándula, da autoxenreira, da ludopatía bancaria, do ridículo teatro da alternancia bipartidista.

“Participo na candidatura do Bloque porque os mozos temos que rebelarnos”

Participo na candidatura do Bloque porque os mozos temos que rebelarnos, e as vindeiras eleccións europeas son unha batalla máis na loita contra a deriva neoliberal e autoritaria desta Unión Europea que actúa como monicreque do capital transnacional. Unha loita na que, como di o manifesto da Candidatura, o Bloque ten a lexitimidade de quen leva dende o principio do conto denunciando “un Réxime cimentado na desmemoria histórica, a preservación dos privilexios das elites económicas, a persecución da disidencia política e a corrupción sistémica”. Participo na candidatura porque estou convencido de que os mozos temos que tomar posesión da política, parar as medidas antisociais que o Goberno central e a Xunta executan por mandato da Troika, do poder económico transnacional e de todos eses lobbies infames que dende a sombra enchen as nosas vidas de merda, para a continuacion construírmos un país novo sobre a base dunha economía produtiva ao servizo do pobo que xere inclusión e postos de traballo de calidade para todos. Nós, os mozos, que non temos nada que perder porque xa fomos excluídos polo sistema, debemos deseñar un novo proxecto de equidade e xustiza social no que si teñamos lugar, e do que sexamos protagonistas. Por iso participo na candidatura do Bloque.

Iago Rodríguez-Lestegás Tizón
Arquitecto e investigador emigrado. Militante de Galiza Nova.