Por un entroido sen machismo!

Coma cada entroido, as rúas énchense de disfraces e con eles, de novas identidades. É tempo de diversión, de xogarmos a ser outras persoas só cun cambio de vestimenta. Mais poucas veces reparamos nas implicacións que estas brincadeiras poidan ter, como por exemplo ser unha mostra de transfobia. Nun suposto ambiente de crítica ao poder establecido, tal e como historicamente foi o entroido, o patriarcado segue presente e sen ningunha fenda, sabéndose adaptar e aproveitándose de ferramentas que o lecer pon á súa disposición nestas datas.

Moita xente nestas datas opta por disfrazarse caricaturizando a aparencia do xénero oposto, especialmente homes parodiando a mulleres, caendo a maior parte das ocasións na misoxinia e na ridiculización. Mais estes casos non son equiparables aos das persoas trans, para quen vestirse de home ou muller non é un disfrace, non é algo que se faga simplemente por diversión, implica asumir a identidade propia e mostrala cara a sociedade, o cal supón o risco de converterse en obxecto de burlas, acosos ou incluso agresións.

Os disfraces son tamén unha arma de sexualización. Sabemos ben que existen dous modelos de cada disfrace: o de home, moi semellante a aquilo que se pretende imitar, e a versión sexy para muller e incluso para nena. O binomio imposto en todos os estereotipos e roles sociais busca sustento máis unha vez para que non se rache coa norma nas nosas festas populares. Esta tendencia cada vez maior a sexualizar os disfraces non é, como se podería pensar, unha materialización da liberación sexual nin da superación do pudor. É unha capitalización do que quere parecer “transgresor”. A terrible situación actual da venda de disfraces sexy para crianzas (vendéndoos para rangos de idade dos 3 aos 14 anos, coma os de bombeira, policía e enfermeira, moi difundidos nas redes sociais nas últimas semanas) reflicten a realidade dunha sociedade que aposta por sexualizar cada vez antes ás mozas, con todas as consecuencias que a tiranía do canon de beleza leva implícitas. Baixa autoestima e necesidade de aceptación, aumento dos casos de trastornos da conducta alimentaria, obxectivización, autoconcepción como obxecto-desexábel e non desexante… Diversas estruturas mentais e cognitivas impostas que naturalizan as relacións de poder e aumentan a desigualdade de xénero.

E coma en case calquera festa, o entroido é outra das ocasións nas que abundan as agresións machistas. Consideramos o heteropatriarcado un problema estrutural, o cal nos arrebatou o espazo público e mediante o que se nos obriga a sentir inseguridade nas rúas que tamén nos pertencen. Aspiramos a garantir liberdade e a crebar o medo, mais mentres iso non pasa é necesario dotármonos de ferramentas e estratexias para combater as agresións. Acreditamos en que o primeiro paso para facerlle fronte é recoñecelas: sabemos que estas poden ser físicas, como o acoso con tocamentos non consentidos, as agresións sexuais e violacións, os golpes por non ser heterosexual… mais tamén psicolóxicas, por medio de presións, humillacións, insultos, desprezos ou piropos indesexados. Encarando as súas agresións, tezamos redes de solidariedade e de empoderamento, non deixemos que ningún agresor sen castigo nin sen resposta colectiva. Non deixemos tampouco que as máscaras e disfraces lles sirvan de tapadeira e lles faciliten as agresións.

O entroido é noso. Queremos unhas festas populares nas que desfrutar libres e seguras!