Por un transporte de calidade ao Meixoeiro

A zona do Meixoeiro alén de ser zona comercial e ter un hospital en desmantelamento, posúe unas das concentracións de estudos de formación profesional máis altas da cidade de Vigo. Repartidas en 3 centros e máis de 3000 alumnas.

Chegar a estudar a esta zona, afastada do casco urbano supón unha inversión de tempo e cartos bastante elevada para a mocidade que alí estuda.

Tendo coñecemento do malestar de parte do estudantado coa calidade do transporte público para chegar ós centros de estudo do Meixoeiro, Galiza Nova decidiu levar a cabo unha campaña para coñecela percepción da mocidade respecto ó transporte e, se fose preciso, servir de nexo para exercer forza e achar unha solución que mellore a calidade do transporte colectivo.

Leváronse a cabo asembleas nos tres centros do Meixoeiro: o CIFP Manuel Antonio, o CIFP Valentín Paz Andrade e o IES Ricardo Mella.

Destas asembleas saiu unha enquisa de satisfacción na que participaron centos de mozas e mozos, da cal cabe destacar que o 80% das persoas enquisadas considera insuficientes os medios e ineficaces os horarios, un máis dun 50% tarda máis de media horana viaxe (chega até a hora no caso de vivir na periferia) e un 67,8% ten que ralizar transbordo.

Así, no momento de sinalar o maior problema, o 48% atribúeo ós horarios, seguido dun 36,7% que considera que o maior problema son os autobuses saturados. Un 96,6% coincide en que o transporte público debe ser incentivado desde as institución.

O Concello de Vigo conta con medios suficientes para fomentar un transporte eficaz e accesíbel para a mocidade, o cal non só melloraría a calidade de vida do estudantado, senón que tamén fomentaría o uso do tranporte público en troques dos vehículos privados. Desde Galiza Nova facemos un chamamento á mocidade a xuntarnos este Martes 4 de Decembro ás 11:30h na porta do Ricardo Mella, para demandar un transporte de calidade. Por iso, desde Galiza Nova queremos traballar conxuntamente co estudantado do Meixoeiro para conseguir un TRANSPORTE DE CALIDADE Ó MEIXOEIRO.