As persoas LGBT levamos tempo alertando de que se ben se están a asumir socialmente certas loitas como gañadas, a realidade non podería estar máis afastada desta suposición. A aprobación do matrimonio igualitario no 2005 xunto coa crecente aceptación por parte do capitalismo das persoas LGBT normativas de clase alta que encaixan facilmente na súa engrenaxe fixo que chegaramos a un punto morto. Esta idea de que xa todo está conseguido e a LGBTfobia é residual non é máis que a imaxe que nos quere vender o sistema. Na realidade, a LGBTfobia clásica caracterizada por un odio e agresións indiscriminadas contra toda persoa LGBT está a mutar cara a que se coñece como LGBTfobia liberal. Este tipo de violencia, sendo menos visible, é máis insidiosa. Consiste na discriminación de todas aquelas persoas LGBT que non poden ou non queren axustarse á cisheteronorma, culpabilizándoas da súa propia opresión por non querer encaixar e ser como as demais.
Un dos ataques máis feroces desta LGBTfobia é o que están a experimentar as persoas trans e non binarias nos últimos tempos. O cuestionamento ou incluso a negación da súa identidade de xénero e a violencia contra elas son só mostras da realidade que enfrontan. Isto todo inserido nun sistema creado por e para persoas cis e que non atende ás diverxencias no xénero, que patoloxiza a súa identidade, cunha medicalización e psiquiatrialización dos seus corpos imposta pola lexislación vixente, que as obriga a pasar por esterilizacións químicas ou cirúrxicas e por un tratamento psicolóxico antes de recoñecer os seus dereitos fundamentais como persoas.
E a toda esta situación vénse sumar, cun altofalante cada vez máis potente, o feminismo radical trans-excluínte (TERF, polas súas siglas en inglés). Cunha perspectiva bioloxicista e utilizando fontes de dubidosa orixe, enumeran proclamas en contra do “borrado das mulleres” e crean un discurso alarmista e sen fundamento alertando da posibilidade de que os homes teñan maior facilidade para cometer agresións. Utilizan teorías conspiranoicas centradas no lobby queer (que recorda poderosamente ó lobby gay invocado pola caverna máis reaccionaria) e baséanse na parte máis emocional e exaltada para ir logrando introducir pequenas partes do seu discurso nas conversas a pé de rúa.
Ademais da transfobia destes posicionamentos, tamén é importante sinalar o seu carácter etnocentrista e colonial. O xénero é unha construción social, que depende do momento histórico e que varía substancialmente dunha cultura a outra. Pretender que o binarismo de xénero sexa a única opción válida, supón a negación e o ataque a outras culturas que van máis alá e que conxugan en torno a cada xénero unhas atribucións totalmente diferentes.
Esta visión bidimensional e esencialista do mundo está moi en sintonía coa que presenta a extrema dereita, que está a experimentar un auxe en todas as frontes. Vemos os paralelismos cando mentres uns falan de “ideoloxía de xénero” as outras falan de “teoría queer” co mesmo obxectivo: vilificar e deshumanizar a persoas que loitan contra a súa opresión. Non debemos esquecer nunca que as persoas trans e de xénero non normativo non son unha teoría. Os dereitos das persoas trans son dereitos humanos, non un posicionamento filosófico abstracto que se pode debater sen consecuencias.
Así, do mesmo xeito que defendemos o dereito do pobo galego a decidir, a gobernar o seu futuro contra un sistema que nos nega a autodeterminación como nación, debemos loitar polo dereito á libre autodeterminación de xénero das compañeiras trans. Negar a nosa identidade, a identidade das persoas trans, é coma pretender contrarrestar urnas con represión policial.
Desde a Asemblea LGBT traballamos constantemente da man de compañeiras doutras organizacións LGBT do noso país. Artellamos así o noso discurso no que persoas de todas as identidades de xénero e orientación sexual loitamos xuntas, partindo da premisa de que baixo a discriminación á que nos somete o cisheteropatriarcado non poderemos ser verdadeiramente libres por moito que academos a liberación nacional pola que loitamos en Galiza Nova e o BNG.
A defensa das persoas trans é a defensa dos dereitos humanos máis básicos, e desde Galiza Nova afirmamos unha vez máis o noso compromiso coa loita das persoas trans, coa loita LGBT e co feminismo. Un feminismo que só entendemos desde unha perspectiva nacional e de clase, e por suposto, transinclusivo, antirracista, e anticapacitista. Seguiremos fortes para esixir os nosos dereitos e para combater calquera ataque transfóbico e traballando pola República Galega á que aspiramos, na que poidamos ter unha vida ceibe de todas as cadeas e explotación.