POR UNHA GALIZA SEN LUMES

Na última semana vimos como a pesar de estar xa en outubro este ano a tempada de lumes nos nosos montes prolóngase aínda máis do habitual. Isto vén dado por dúas razóns: a forte seca e a falta de choiva dos últimos meses, algo que non é posíbel controlar, e sobre todo a falla de políticas de prevención por parte da Xunta de Galiza.

Dende a chegada de Feijóo á Xunta, os efectivos e medios dispoñíbeis para loitar contra os lumes, foron recortados e diminuídos, e apostouse totalmente polo modelo de eucaliptización do monte, para o cal interesa eliminar a diversidade do mesmo, polo que son provocados estes incendios. Pola contra, estes días pódese ver publicidade institucional na TVG, na que a xunta anima ás galegas e galegos a “facerse cortalumes”. Pode haber algo máis cínico, señor Feijóo? Pretende substituír un corpo profesional de loita contra os incendios, con voluntarios, campañas simbólicas e anuncios de imaxe? Iso nunca llo imos perdoar.

Atopámonos agora ante a maior catástrofe natural na Galiza desde o Prestige e todo pola falta de prevención do Goberno da Xunta e a incompetencia da conselleira de medio rural.  Por todo isto, chamamos á mocidade a saír á rúa e apoiar a manifestación nacional que terá lugar en Compostela o domingo 22 de outubro e sairá ás 12:00h da Alameda.

#LUMESNUNCAMÁIS