“Por unha tarifa eléctrica galega” artigo de Andrés Blanco

Andrés Blanco, militante de Galiza Nova O Salnés e membro da Dirección Nacional

Sube a luz. Xa non nos sorprende. Chega o inverno e, por unha cousa ou por outra, sabemos que imos pagar máis pola factura eléctrica. Perdemos a conta do número de ministros que cada ano nos explican como, malia o seu pesar e con cara de circunstancias, sube o recibo da luz. O prezo dos hidrocarburos, as condicións climáticas, a inflación, o funcionamento do mercado maiorista, o sistema de poxas… Son puntos dun argumentario moi ben aprendido por estes portavoces do oligopolio enerxético -semella que é a función dos ministros de industria-, que tentan convencernos de que as cousas funcionan así e que toca pagar máis. Desta volta nada menos ca un 42% máis ca o ano pasado.

Liberalizaron o sistema eléctrico deixándoo en mans privadas e eliminaron calquera tipo de control público sobre o mercado. Trouxéronnos a unha situación na que as grandes empresas pactan prezos, especulan cun dereito básico das persoas e ningunha intervención política é posible por parte do goberno.

Na Galiza o sector enerxético é fundamental para o desenvolvemento da nosa industria e representa unha fracción importante do noso PIB. Porén, non temos soberanía para deseñar e aplicar unha estratexia enerxética que atenda ás nosas necesidades como país. Producimos un 40% de excedente en enerxía eléctrica, pero pagamos máis ca noutros lugares que non producen, tendo salarios e pensións das máis baixas do Estado. O xusto é que paguemos pola luz o que nos corresponde, un prezo que responda á realidade dos custos de produción, transporte e distribución. Por iso Galiza Nova e o BNG reclamamos unha tarifa eléctrica galega que remate con esta fraude tarifaria.

A tarifa que propoñemos beneficiaría ás familias galegas, pero por suposto afectaría ao lucro das grandes empresas do sector. Entón é cando nos recitan outro argumentario tamén moi ben aprendido. As galegas debemos pagar máis por solidariedade con outros territorios do Estado. Que solidariedade hai na exclusión de miles de familias que non poden acender a calefacción? Baixo este principio o que acontece é que as galegas pagamos os sobrecustos do transporte e o impacto ambiental, non para asegurar un prezo xusto en rexións sen produción enerxética como Madrid, senón para engrosar o beneficio das eléctricas con sede alí.

Supostamente recibimos unhas contraprestacións a cambio, mais algo falla se, ademais de ver crecer a pobreza enerxética, vemos negada a competitividade da nosa industria por ter que pagar a enerxía ata un 25% máis cara que a media da Unión Europea.

Feijóo acusou recentemente ao BNG en sesión parlamentaria de reducir todo a un debate identitario por propostas coma esta. Calquera caricatura é válida cando se trata de defender os intereses do poder económico. Non queremos unha tarifa eléctrica galega porque si.

Queremos un prezo xusto da factura eléctrica que non sexa imposible de pagar para tantas familias. Queremos que a nosa capacidade produtiva repercuta positivamente no desenvolvemento da nosa industria, que non pechen as fábricas mentres temos que emigrar.

A soberanía aparece como unha solución práctica aquí como en tantas outras cuestións que nos afectan día a día. Reclamamos soberanía porque é a maneira de facer unha realidade máis xusta, acorde ás nosas necesidades e en función das nosas capacidades. A soberanía enerxética é probablemente a máis urxente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *