Hoxe despertamos coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel do proxecto de implantación da macropasteira ALTRI na Ulloa. Unha declaración asinada pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sustentabilidade María José Echevarría que, casualmente, se trata dunha persoa moi próxima ao ámbito persoal de Alfonso Rueda e moi ligada ao negocio da celulosa, pois é a esposa do director territorial de Ence na Galiza Antonio Casal.
Esta situación deixa cada día máis claro que ao goberno da Xunta do Partido Popular só lle interesa o seu propio beneficio e o daqueles lobbies económicos que o rodean, sen importarlle hipotecar o pobo galego e a súa terra por non renunciar a que os seus grandes negocios saían adiante. E demostra, máis unha vez, todo o que levamos denunciando tempo e tempo: a condición colonial do noso país, cuxo presente e futuro están marcados polos intereses, necesidades e desexos da burguesía española; quen non dubida en continuar afondando no espolio dos nosos recursos e na destrución dos nosos modos de vida.
Todo isto, coñecendo os datos e informacións ao respecto, xera en nós infinitas dúbidas: como un proxecto industrial que consumirá 46 000 000 de litros de auga diarios e xerará cerca de 30 000 000 de litros de verteduras industriais, que voltarán ao curso do río Ulla, pode ser ambientalmente viábel? Como que contaminar, previsibelmente, máis de 100 km de curso fluvial e cerca de 3 000 km2 de cunca hidrográfica —tal e como xa aconteceu en Portugal— pode resultar nunha DIA favorábel? Como que contaminar o ar mediante emisións de dióxido de xofre e óxido de nitróxeno e aumentar a existencia de plantacións de eucalipto (até 60 000 hectáreas) para poder levar a cabo a produción será beneficioso para a nosa terra? Sen esquecermos os 250 000 000 de euros de diñeiro público que habería que achegar para estabelecer o dito proxecto. En troques, recibiríamos a creación duns poucos centos de postos de traballo, ao tempo que se destruirían milleiros de empregos en toda a zona e na totalidade do país. Por non falar do empeoramento das condicións de vida.
Ante esta actitude por parte de quen debería ser o máximo defensor dos intereses da Galiza, terán sempre en fronte a mocidade galega organizada a través de Galiza Nova, porque a xuventude deste país non está disposta a que continúen a roubar e destrozar a terra na que nos criamos e vivimos. Seguiremos en pé na defensa dun país rico, produtivo e diverso, que sexa motor de futuro para todas.
A mobilización social e o fortalecemento da organización nacional e xuvenil é a arma máis poderosa que temos para paralizar as decisións políticas e xurídicas que hipotecan o noso futuro, polo que animamos toda a mocidade a participar nas concentracións que se desenvolverán en varias vilas galegas este domingo 16 de marzo ás 12 h, ben como na manifestación por terra e por mar convocada para o sábado 22 de marzo na Pobra do Caramiñal ás 12 h. Por unha Galiza popular e liberada!