Posicionamento ante unha nova agresión da policía en Compostela

Fotografía tirada por Óscar Corral (@corralfoto)

No día de onte en Compostela tivo lugar  novos caso de brutalidade policial na manifestación en solidariedade co Escarnio e Maldizer.

A manifestación que decorreu en Compostela saeu da Alameda e tivo un percorrido totalmente pacífico até as antigas instalacións do colexio privado O Peleteiro, que se atopan baleiras dende hai anos. Nese momento gran parte da manifestación entrou no recinto do Peleteiro ocupándoo en resposta ao desaloxo do Escarnio, onde se despregou unha faixa e se izou unha bandeira reclamando este edificio para un uso social.

Unha vez alí, moitas das persoas asistentes seguiron concentradas durante un tempo apoiando as persoas que se pecharan no interior ata que decorrido un tempo a Policía Nacional, que seguira cun operativo desmesurado (unha ducia de furgóns policiais e ata un helicóptero) o decorrer da mobilización decidiu actuar de novo dunha maneira desproporcionada.

A policía española lanzou botes de fume e gas lacrimóxeno ao interior do recinto e acto seguido subiu aos valados do Peleteiro e disparou con bolas de goma ás compañeiras que se atopaban dentro. Ante esta situación o resto da manifestación protestou ante o acto violento, a partir do que a policía tamén cargou contra elas. Ademais nese momento tamén atacaron axentes infiltrados entre as manifestantes.

Con posterioridade foron desaloxadas as compañeiras que se atopaban dentro do recinto e detiveron unha gran cantidade delas, nunha detención totalmente desmesurada, chegando a levar andando cara a comisaría as detidas posto que non habían furgóns suficientes.

Dende Galiza Nova denunciamos este novo caso de brutalidade policial na cidade de Compostela e o emprego partidista que está a facer o Partido Popular da violencia querendo crear un ficticio estado de excepción e criminalizando o pobo que se solidariza co acontecido hai duas semanas. Consideramos tamén inadmisíbel o papel que está a ter nesta situación o goberno municipal de Compostela Aberta que non realizou ningunha acción co obxectivo de que os colectivos sociais teñan espazos onde realizar as súas actividades, permitindo que os propietarios destes edificios os manteñan baleiros ou incluso que especulen con eles, como aconteceu xa por exemplo co vello Hospital de Galeras.

Por iso, Galiza Nova solidarizámonos coas persoas detidas nesta mobilización e reiteramos a nosa denuncia do emprego da violencia por parte do estado español contra o pobo galego.