PP culpábel das novas verteduras de augas fecais no río Tea

Galiza Nova

vertedura_depuradoraDenunciamos a reincidencia nos vertidos sen depurar ao río Tea na Moscadeira. Estas verteduras de augas residuais proceden do “aliviadoiro” da depuradora e prodúcense continuamente.

Este problema, nun espazo de interese comunitario dentro da Rede Natura da Unión Europea, é provocado pola insuficiencia da depuradora e agravarase nos vindeiros meses por incorporar na rede de saneamento augas de regatos e das chuvias.
Os gobernos do PP, na Xunta e no Concello, afirmaron en 2010 que ampliar a capacidade da depuradora era unha prioridade, “catro anos despois todo se quedou en propaganda preelectoral”, afirmou Miguel Bouzó, responsábel local de Galiza Nova. Unha vez máis reivindicamos unha solución integral ao saneamento de todo o Concello para acabar coa contaminación do Tea.

A Confederación Hidrográfica do Miño xa ten sancionado en varias ocasións ao Concello de Ponteareas por estas verteduras sen depurar. “O PP xa ten demostrado a súa incapacidade e falta de vontade política para solucionar este grave problema. O río Tea cada día está peor mentres se malgasta o diñeiro dos impostos que pagamos todos” afirmou Miguel Bouzó.

As augas abaixo deste vertido, no propio río Tea, está situada a captación de auga de Moreira para máis de 700 vivendas de varias parroquias de Ponteareas, polo que ademais da contaminación medioambiental, prexudicial para o ecosistema do Tea, tamén se deteriora a calidade da auga de consumo doméstico destas vivendas.

Ademais, Bouzó lembrou que as e os ponteareáns están pagando unha taxa municipal pola depuración de augas residuais “cando este servizo é ineficiente, cobran por depurar augas que van parar directamente ao río sen ningún tratamento. As persoas usuarias pagan en función da cantidade de auga que consumen sen ter en conta o resultado real do servizo que pagan”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *