Presentamos a homenaxe a Rosalía e Castelao con Nao

Galiza Nova presentou a Homenaxe da Mocidade a Rosalía e Castelao na véspera do Día da Patria Galega para recuperar o seu ideario que, en palabras de Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, pasa pola “autoorganización, con ferramentas propias para termos unha Galiza ceibe onde vivir e traballar, porque hai unha aposta polo nacionalismo dende a mocidade galega”.

homenaxe 2016 web baixoO acto simbólico será o 24 de xullo ás 17:30 no parque de Bonaval e nel intervirán a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera; e a responsábel nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, Lucía Veciño. Ademais, actuará a banda de rock galego Nao.

Este evento vai dirixido “a mozos e mozas que loitan polos dereitos que nos corresponden, porque a vixencia do pensamento de Rosalía e de Castelao segue de máis actualidade ca nunca”, explicou Mera. Máis de 140.000 mozos e mozas marcharon do noso país dende que chegou Feijóo, un feito como a emigración denunciado daquela por Rosalía que se segue a producir case nas mesmas condicións ao escaparen da precariedade laboral, engadiu.

Pola súa parte, Pablo Carracedo “Jasper”, vocalista e guitarra de Nao, indicou que “é un orgullo participar nos actos do Día da Patria, tanto do 24 como do 25, nunha reivindicación que levamos no ADN da banda”.

Así, manifestou que Rosalía e Castelao son “dous referentes ideolóxicos e culturais” e que a banda musicou o poema “A xustiza pola man” porque segue de actualidade o seu pensamento, “do mesmo xeito hai que lembrar que a Policía cargou na chegada dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos Ilustres, que morreu no desterro e dixera que quería volver a Galiza cando estivese liberada”.

Vivimos nun país colonizado, tanto cultural como ideoloxicamente, mesmo podemos dicir que policial e militarmente, e para nós é un orgullo reivindicar estas figuras nos actos do Día da Patria; como nacionalistas e independentistas así o defendemos”, afirmou Jasper. “Vai ser un concerto intenso e próximo, porque a mellor homenaxe e reivindicación é estar cantando coa nosa xente ese día aquí”, concluíu.