Principiamos 2026 co sector primario da Galiza en pé de loita contra as políticas comunitarias da Unión Europea que o Partido Popular defende en Bruxelas ao mesmo tempo que na Galiza tenta botar balóns fóra, escondendo o seu firme apoio á destrución dos traballos no agro e no mar.
O señor Alfonso Rueda fixo crer no comezo de marzo que viaxaba a Bruxelas para “garantir” que a entrada en vigor do acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur “cumpra” coas salvagardas aprobadas polo Parlamento europeo en xaneiro. Un teatro en que o PP pretende que a sociedade galega acredite. Porén, no guión para facelo, un pouco realista o señor Rueda podería polo menos cuestionar en algún momento o criticado tratado ou levar a Europa as reivindicacións do sector agrogandeiro galego. Mais, pola contra, o que vimos é un presidente da Xunta da Galiza que segue á perfección as indicacións que se marcan desde Génova. Se en Madrid Feixoo di “si” ao acordo con Mercosur e “non” a Galiza, Rueda repite as súas palabras sen importarlle nada as consecuencias que estas teñan para o pobo galego.
O pasado 21 de xaneiro, no Parlamento Europeo, o PP e o PSOE acordaron dicir “si” á destrución da agrogandaría do noso país. Co voto en contra da proposta de remitir o polémico acordo ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea os eurodeputados galegos Francisco José Millán Mon (PP) e Nicolás González Casares (PSdeG) deixaron moi claro que o agro galego lle importa moi pouco e que a vida e o futuro de milleiras de galegas lles dá igual. Un posicionamento que é partillado polo PP español, o pasado 25 de febreiro no Congreso dos Deputados os populares rexeitaban que non se aceptase a aplicación provisional do acordo entre a UE e Mercosur. Resulta raro, que despois desta decisión no Congreso, a deputada do PP por Ourense, Ana de Bande, publique en Instagram unha imaxe dun monte cun pé de foto que pon “defendamos nuestro rural”. En redes sociais defendemos, mais despois á hora de votar e lexislar mellor, destruímos.
En canto o PP votaba en contra unha vez máis dos intereses do pobo galego, o sector agrogandeiro manifestábase en varias cidades do país. Os tractores rodeando a Muralla de Lugo, os rolos de silo ás portas da subdelegación do Goberno estatal en Ourense ou o bloqueo da A-52 á altura de Xinzo ficarán na historia dun agro que se revela fronte aqueles que o queren matar.
Hai un par de meses lía nun xornal a un mozo labrego que lembraba que a estratexia do PP co seu apoio ao acordo de Mercosur mostra á perfección ese partido que o “único que busca é favorecer a grandes empresas, demostrárono con Mercosur, con Altri ou coas campañas de incendios”. Agora a estes proxectos de destrución do noso ambiente e do sector primario súmase a eólica mariña. A Xunta da Galiza asegura que o país “debe ser un dos primeiros” territorios do Estado español nas poxas para a instalación de parque eólicos mariños. Unhas declaracións que chegan no mesmo momento que o sector pesqueiro, confrarías, produtoras de mexillón e colectivos ecoloxistas están a advertir das terríbeis consecuencias que estes parques teñen para o noso mar. Reivindicacións ante as cales o PP, máis unha vez, fai oídos xordos, ao igual que o fai cando patróns maiores ou armadores se manifestan contra as novas exixencias europeas de control de pesca, cando as mariscadoras do noso país advirten estar ao borde do abismo ou cando ven nos xornais as toneladas de marisco morto que o sector tivo que retirar dos areais nas últimas semanas.
Ao PP pouco lle importa que as nosas gandeiras, labregas ou mariscadoras vexan o seu futuro cada vez máis complexo, sen relevo xeracional e sen apoio de quen lexisla no noso país; se os seus lobbies amigos poden facer de Galiza o seu capricho, espoliando os nosos recursos e pondo en risco as nosas vidas. O sector primario da Galiza está en loita fronte aos que o queren matar, deixando claro que o rural galego non morre: o rural galego é destruído polas políticas do Partido Popular.
