O espírito da Primeira República Galega. Artigo Brais Ferreiro

Brais Ferreiro

Ourense, 25 de xuño de 1931. Unha multitude enfurecida diríxese de madrugada ao Concello, iza a bandeira galega no balcón e proclama a República Galega. Dous días despois, acontece o mesmo en Compostela. Como puido suceder?

Estamos nun momento chave para a nacente II República española. Fora proclamada en abril, mais estaba a piques de celebrar as súas eleccións constituíntes, convocadas para o 28 de xuño. Uns días antes (o 23 do mesmo mes), o Consello de Ministros acordara suspender as obras do ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña. Indalecio Prieto (PSOE), daquela responsábel de Facenda, non consideraba esta obra rendíbel, mentres si destinaba recursos similares para a cidade de Bilbo. Isto causou grande indignación no país, en boa medida polas aproximadamente 12 000 persoas que vían perigar os seus postos de traballo.

O enfado espallouse especialmente por Ourense e Compostela. Como xa mencionamos, é primeiro na cidade das burgas onde se proclama a República Galega. Ao día seguinte, esta cidade acolle unha asemblea con carácter nacional que decide, entre outras cousas, oporse á celebración das eleccións constituíntes do día 28 se o Goberno non recúa, non tributar ao Estado ou protestar con contundencia no caso de que acuda algún ministro á Galiza.

E chegou o 27 de xuño, onde o foco se despraza para Compostela, cun ambiente de folga xeral revolucionaria. Pola tarde celébrase un mitin na alameda en que participan Xosé Carnero Valenzuela (Esquerda  Galeguista), Eduardo Puente «O Nécoras» (sindicalista) e Pedro Campos Couceiro e Antón Alonso Ríos (nacionalistas retornados da Arxentina). Tras varias palabras a favor da liberdade de Galiza, a multitude dirixiuse ao Concello, izouse a bandeira azul e branca e proclamouse o Estado galego. Alonso Ríos acepta ser o presidente da Xunta Revolucionaria e as autoridades dimiten. Incluso en Pobra de Seabra, no Bierzo, foi pendurada a bandeira galega. Mais a proclamación apenas durou unhas horas, xa que o Goberno rectificou e prometeu que as obras continuarían ao mesmo ritmo que o previsto.

Agora, a piques de facer 94 anos destes feitos, cómpre reflexionar sobre a súa transcendencia. Está claro que a Primeira República Galega non chegou a ser efectiva como tal, debido á rápida reacción do Goberno. Mais si amosa como as ideas nacionalistas, con aínda non moitos anos de existencia naquela altura, xa formaban parte do imaxinario colectivo dunha parte significativa da poboación. Só así se explica que a resposta perante un conflito social como este se vinculase coas reivindicacións nacionais galegas.

Ademais, aínda que nunca se voltase producir unha insurrección como esta, o nacionalismo galego seguiu avanzando nos vindeiros anos, especialmente a través do Partido Galeguista e da proposta de Estatuto para Galiza, finalmente plebiscitado en 1936.

En definitiva, trátase dun suceso importante na historia do nacionalismo galego, que foi recuperado hai aínda poucos lustros. Hoxe nós recollemos o mesmo espírito de protesta daqueles días de 1931 para, algún día, poder celebrar unha República Galega plenamente efectiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *