Este xoves 7 de setembro, ás 19.30h, proxectaremos o documental Cinzas na Casa da Luz (Praza da Verdura, Pontevedra) e tamén contaremos coa presenza da súa directora, Clara Bells.
As súas creadoras, alumnas da Escola de Imaxe e Son de Vigo, describen o material do seguinte xeito:
“Cinzas é un documental que forma parte dos Proxectos Finais de Estudos do Ciclo de Realización que estamos a cursar na Escola de Imaxe e Son de Vigo.
Mediante este documental, buscamos mostrar a realidade que hai detrás dos lumes que ano tras ano reducen a cinzas numerosas hectáreas de monte galego. Queremos para iso dar voz a aquelas persoas ás que apenas se escoita e que son os que máis sofren as consecuencias desta praga: os veciños. Falaremos con xentes de distintas zonas da nosa comunidade que se viron afectados polos incendios, contactaremos con diversas asociacións animalistas e ecoloxistas así como con gardas forestais, bombeiros brigadistas e, como non, tamén queremos contar coa participación das autoridades competentes, para que nos dean a súa visión dos feitos e nos falen das políticas de prevención e loita contra o lume. Aínda que, como ben dixemos, a nosa prioridade son os veciños xa que obxectivo principal deste documental non son nin os números, nin as estatísticas, é o pobo.”
Pasa o verán, mais non esquecemos todas as hectáreas destruídas nos nosos montes. Por iso vos animamos a participar na proxección e no coloquio posterior.
Máis información sobre o documental en https://www.facebook.com/documentalcinzas