Temos dereito a camiñar tranquil@s, de noite e de día, pola rúa, con quen nos dea a gana ou da maneira que nos dea a gana. Mais as persoas LGTBI seguimos a ser obxecto con frecuencia de agresións, ben sexa por insultos e ameazas, ou fisicamente. Ante unha agresión LGTBIfoba é importante que a persoas ou persoas agredidas coñezan cales son os seus dereitos e que é o que debe facer.
Cómpre remarcar a importancia da denuncia para combater as agresións LGTBIfobas, pois o que non se denuncia, non existe; e tamén que a violencia verbal e o acoso son formas de violencia, e polo tanto deben ser denunciábeis. Esta é unha responsabilidade colectiva, pois tod@s nós debemos actuar cando presenciamos a agresión, ademais de esixir que ningunha agresión fique impune, esixirmos que se lexisle realmente e se actúe legalmente para que as agresións LGTBIfobas sexan consideradas delitos de odio.
No momento da agresión, a pesar da dificuldade, é prioritario intentar manter a calma todo o posíbel, necesitamos recoller todos os datos que nos permitan identificar o agresor (tatuaxes, pendentes, cor do pelo, dos ollos, uso de lentes, matrícula do seu vehículo). Cantos máis detalles poidamos recoller, máis sinxela será despois a súa localización. Tamén é necesario recoller o contacto das testemuñas que o presenciaron.
Se a agresión foi física, é necesario acudir a un centro médico para curar todas as lesións. É moi importante que indiquemos todas as mancaduras producidas para que así figuren no parte de lesións. O parte de lesións é un documento médico-legal que vai ser remitido ao Xulgado dende o centro sanitario para esclarecer os feitos que motivaron esas lesións, independentemente de que despois se formalice unha denuncia.
A atención médica tamén pode ser requirida no caso de agresións verbais e ameazas, polo estado de ansiedade que provoca na persoa agredida. Nesta situación non haberá parte de lesións, pero debemos pedir ás e aos profesionais que nos atendan que realicen un informe ao respecto. Non debemos sentir vergoña por necesitar axuda psicolóxica ou psiquiátrica en caso de precisala, desfacer esa angustia axudará a coller forzas para continuar con todo o proceso.
O seguinte paso é presentar a denuncia. Isto pode facerse ante a Policía ou a Garda Civil, na Fiscalía ou no Xulgado. Neste momento a persoa agredida poderá estar acompañada de quen ela queira, de feito é recomendábel contar co apoio de unha ou dúas persoas. Na denuncia deben constar todos os datos da persoa agredida, a descrición da agresión, e todo o que poidamos aportar sobre o atacante (incluíndo fotos ou vídeos), así como os contactos das testemuñas. Cómpre asegurarse que se recollen todas as expresións, probas e detalles que demostran que se trata dunha discriminación LGTBIfoba.
Hai que ter en conta de que non é preciso poñer a denuncia inmediatamente, mais é necesario asegurarse do prazo dispoñible. Tamén hai que prestar atención ao enderezo proporcionado no momento de interpoñela, pois pode ser coñecida polo agresor. Non é necesario que sexa o noso domicilio, pode ser o dunha persoa de confianza á que lle fagan chegar as notificacións.
Despois de presentar a denuncia, iníciase un proceso de investigación dos feitos que pode rematar de tres xeitos:
Arquivarase cando se estime que os feitos non constitúen delito.
Sobreseimento provisional, cando si que constitúen delito mais non se puido identificar ou localizar o agresor.
Comezar un procedemento penal que nos casos máis graves, dará lugar a un xuízo.
Dende Galiza Nova condenamos firmemente calquera mostra de odio e queremos mostrar o noso apoio a todas as persoas que diariamente se enfrontan a estas situacións.
O noso orgullo, a nosa loita!