O pasado xoves, cando viñamos dunha manifestación en denfensa do ensino público, galego e de calidade convocada pola organización Erguer. Estudantes da Galiza as miñas amigas e eu decidimos parar a xantar no centro comercial das Cancelas, cando rematei e me dispoñía a marchar caeume a estreleira que levaba, recollina e colgueima de novo. Non andara nin tres pasos cando un vixiante se achegou a min, e agarroume o brazo para dicirme que tiña que gardala porque non podía mostrar iso polo centro comercial. Cando preguntamos o motivo limitáronse a dicirnos que non podían obrigarnos a gardala, mais que “esa bandeira incita a un atentado”.
A miña amiga que levaba unha faixa dobrada tampouco se viu exenta da amonestación. Díxolle que iso tampouco o podía levar e que non o podía tirar dentro do centro comercial, que o tirase fóra. Nós explicamos que viñamos dunha manifestación e paramos a comer algo tranquilamente, non viñamos causar ningún problema.
A actitude por parte da seguridade do centro comercial foi en todo momento bruta e groseira e o acoso recibido pola seguridade do centro comercial sen foi desproporcionado. As miñas colegas e eu somos conscientes de que non é a primeira vez que galegas e galegos teñen enfrontamentos coas forzas de seguridade por levar a estreleira, cando outras bandeiras ou símbolos, mesmo nazis, como pasa nos campos de fútbol son completamente aceptados e “non enaltecen terrorismo ningún nin firen sensibilidade ningunha”.
Coñecemos esa dobre vara de medir que ten o Estado español, e é por iso que non aturamos que a nosa liberdade de expresión se vexa nubrada por ningunha persoa que abuse do seu poder. Estou en todo o meu dereito de pensar diferente ao resto e levar a bandeira que quero e coa que me sinto identificada, tanto eu como calquera. E máis cando se trata dun símbolo democrático amparado pola liberdade de expresión e non un elemento de provocación como nos queren facer pensar.
Non se pode permitir que a quen leva un símbolo da liberdade na man se lle reprima e acose dese xeito.
Este tipo de actitudes lémbrannos máis a unha época fascista e de represión que ao momento de liberdade que algúns presumen, mais que xa vemos non é real. Non se pode permitir que a quen leva un símbolo da liberdade na man se lle reprima e acose dese xeito. Eles non poden facelo e nós non podemos deixar que nos abasallen. Está claro que os iñorantes, féridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden, non.