As mozas de Galiza Nova contraatacaremos novamente á ofensiva patriarcal até paralizar a reforma coa que Mariano Rajoy pretende someter ao consentimento materno/paterno ou da persoa coa responsabilidade legal, ás mozas de 16 e 17 anos que decidan abortar, limitando deste xeito o dereito a decidir sobre os nosos propios corpos. Mesmo sabendo que a maioría das mozas non abortan soas coa actual lei, como informa a Asociación de Clínicas Acreditadas para a Interrupción do Embarazo (ACAI), pois case sempre asisten acompañadas da súa nai, pai ou titora/titor. Unha estatística que concorda coa publicada polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
Hai moitas mozas que non poden conseguir este consentimento para poder abortar
Con esta reforma, a parte de torturar ás mozas que tomen a decisión de abortar, penalizando a quen tome unha decisión tan dura e traumática como é o aborto, pretende arrebatarlle a capacidade de decisión sobre os seus corpos, pois hai moitas mozas que non poden conseguir este consentimento para poder abortar, e moito menos estar acompañadas dalgún dos seus proxenitores.
Que pasa coas mozas ás que lles finou o pai ou a nai? Ou as que os seus proxenitores están presos? E as que viven no estado español cun familiar, pero a nai e o pai están a kilómetros de distancia? Pois que todas estas mozas quedan legalmente desamparadas porque non poden acadar o permiso que se lles solicita necesario, atacando a ssúa dignidade e martirizando o seu futuro.
Por iso, a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova emprenderá novas e contundentes accións na rúa e chamamos á mocidade galega para dármoslle unha lección de dignidade, unha vez máis, ao Partido Popular!
SOBERANAS, REBELDES, INSUBMISAS!
EN NÓS NON MANDA NINGUÉN!