QUE NON NOS COLLA O FRÍO/ QUE NOM NOS COLHA O FRIO

QUE NON NOS COLLA O FRÍO (ILG)

As estudantes galegas sufrimos constantes situacións precarias para podermos desenvolver a nosa formación a través do ensino público. O desleixo por parte das institucións cara a calidade do ensino galego provocou condicións daniñas como grandes ratios, aulas masificadas, perda de horas de ensino na nosa lingua… 

Perante a situación de pandemia que vivimos, estas condicións prexudiciais víronse acrecentadas. Atopámonos con servizos públicos de transporte que non garanten a nosa seguridade, aulas que non permiten estabelecer as distancias de seguridade recomendadas ou falta de medidas por parte da Xunta que responsabilizan os centros, mentres que as institucións pretenden culpabilizar as estudantes e as mozas do crecemento de contaxios con argumentos criminalizadores afastados da realidade.

Hoxe atopámonos aquí para reivindicarmos unha solución á problemática do frío provocada polas baixas temperaturas e as medidas de ventilación. Como ao longo de toda a pandemia, a Xunta de Galiza baixo o mandato de Núñez Feijóo é incapaz de anticiparse ás posíbeis adversidades que poidan xurdir. Esta non é unha excepción, a Xunta segue sen ter iniciativas de propostas e pretende facer ver que as medidas de ventilación no mes de setembro poden ser similares ás do mes de novembro ou decembro. Desde Erguer Vigo e Galiza Nova exiximos Vigo á Xunta de Galiza que actúe e non desgoberne ofrecendo alternativas á ventilación natural como, por exemplo, dotar aos centros de purificadores HEPA avaliados polo CSIC. Precisamos que estas alternativas garantan a existencia dunha temperatura adecuada nas aulas para podermos recibir o dereito a educación nunhas condicións mínimas.

QUE NON CONXELEN AS NOSAS IDEAS!

 

QUE NOM NOS COLHA O FRIO (AEG)

As estudantes galegas sufrimos constantes situaçons precárias para podermos desenvolver a nossa formaçom a través do ensino público. O desleixo por parte das institutuiçons cara a qualidade do ensino galego provocou condiçons daninhas como grandes ratios, aulas massificadas, perda de horas de ensino na nossa língua… 

Perante a situaçom de pandémia que vivemos, estas condiçons prejudiciais virom-se acrecentadas. Atopamo-nos com serviços públicos de transporte que nom garantem a nossa segurança, aulas que nom permitem estabelecer as distàncias de segurança recomendadas ou falta de medidas por parte da Junta que responsabilizam os centros, enquanto as instituiçons pretendem culpabilizar as estudantes e as moças do crecimento de contágios com argumentos criminalizadores afastados da realidade.

Hoje atopamo-nos aqui para reivindicarmos umha soluçom à problemática do frio provocada polas baixas temperaturas e as medidas de ventilaçom. Como ao longo de toda a pandémia, a Junta de Galiza baixo o mandato de Núñez Feijóo é incapaz de anticipar-se às possíveis adversidades que podam surgir. Esta nom é umha exceçom, a Junta segue sem ter iniciativas de propostas e pretende fazer ver que as medidas de ventilaçom no mês de setembro podem ser similares às do mês de novembro ou dezembro. Desde Erguer Vigo e Galiza Nova Vigo exigimos à Junta de Galiza que actue e nom desgoverne presentando alternativas à ventilaçom natural como, por exemplo, dotar aos centros de purificadores HEPA avaliados polo CSIC. Precisamos que estas alternativas garantam a existência dumha temperatura adecuada nas aulas para podermos receber o direito a educaçom numhas condiçons mínimas.

QUE NOM CONGELEM AS NOSSAS IDEIAS!