Que non decidan por nós! Como votar por correo? E se estás no estranxeiro?

03O 25 de maio celébranse eleccións Europeas. Para Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, son unhas eleccións decisivas porque temos a posibilidade de frear a ofensiva da UE contra Galiza.

A Unión Europea e a aplicación das súas políticas da man do PPSOE supón a ruína da capacidade produtiva e industrial da Galiza (o agro, a pesca, o naval…), destrúe postos de traballo, impón recortes desde a sanidade até a educación e promove reformas laborais que condenan á mocidade galega á precariedade, explotación e emigración.

Cómpre defendérmonos desta Unión Europea gañando o dereito a decidir como pobo sobre os nosos recursos, sobre as nosas vidas, sobre o noso futuro.

O 25 de maio é a oportunidade de cambiar moitas das decisións inxustas para Galiza que veñen desde Europa, e nos defendamos a través da práctica rupturista que exerce o Bloque Nacionalista Galego.

Pasos para votar por correo

Se pensas que non vas estar na localidade na que che corresponde votar, non te preocupes porque podes votar por correo.

Residentes no estado español:

1. Do 1 de abril ao 15 de maio: vai a calquera oficina de correos co teu Documento de Identidade e cobre o modelo para solicitar o certificado de inscrición no censo electoral.

2. Do 5 ao 18 de maio: remitiranche ao enderezo que solicitaches a documentación para poder votar (certificado de inscrición, papeletas e sobre electoral, enderezo da mesa onde che corresponde votar e folla explicativa de todo o proceso). Con esta documentación elixe a papeleta de voto e introdúcea no sobre de votación, logo métea noutro sobre co enderezo da mesa electoral, xunto coa inscrición no censo.

Tes de prazo até o 21 de maio para enviala por correo certificado e urxente.

*Todo o proceso é de balde.
** Unha vez que solicitas o voto por correo (aínda que despois desistas) impide o voto presencial na mesa electoral o día das eleccións.

 

Residentes no estranxeiro

RESIDENTES AUSENTES:
Se estás inscrito no censo de españois residentes ausentes (CERA) con anterioridade ao 1 de febreiro:

-Do 1 ao 26 de abril: Solicita na embaixada ou consulado que che corresponda a documentación para exercer o dereito a voto desde o estranxeiro, ou descárgaa telematicamente e preséntaa no consulado.

-Antes do 5 de maio: recibirás no teu domicilio do estranxeiro toda a documentación necesaria para votar por correo.

-Antes do 20 de maio: envía o teu voto ao consulado ou vota en urna no consulado correspondente entre o 21 e 23 de maio.

RESIDENTES TEMPORAIS:

Se estás inscrito no censo de españois residentes temporais (ERTA):

-Do 1 ao 26 de abril: Terás que solicitar na embaixada ou consulado que che corresponda a documentación para exercer o dereito a voto desde o estranxeiro, ou descargala telematicamente e presentala no consulado.

-Antes do 5 de maio: recibirás no teu domicilio do estranxeiro toda a documentación necesaria para votar por correo.

-Antes do 22 de maio: Unha vez recibida a documentación no teu domicilio poderás votar por correo (non podes votar en urna) enviando sobre coa papeleta de voto e o certificado, nunha carta por correo certificado nunha carta dirixida á mesa electoral da túa circunscrición (non ao consulado!).

SE NON ESTÁS INSCRITO EN NINGÚN DESTES DOUS REXISTROS:

a) Antes do 26 de abril: acode ao consulado para incluírte no ERTA como residente temporal, non como residente ausente. Continúa os pasos especificados no anterior punto para os residentes temporais.

b) podes viaxar á túa localidade e votar na túa mesa electoral. Podes votar en urna ou pedir o voto por correo solicitándoo na oficina de correos.