
Este venres, o IGE ofreceunos os últimos datos sobre o coñecemento e o uso da lingua galega a través da Enquisa estrutural a fogares (EEF). Como era de esperar, non houbo sorpresa ningunha e o estudo confirmou que, por primeira vez na historia, o castelán se converteu na lingua hexemónica na Galiza, quedando o galego nunha situación de extrema urxencia.
Se facemos unha análise detallada, vemos que o grupo de idade que menos emprega o galego é o comprendido entre os 5 e os 14 anos cun 16,19 % de persoas que o usa sempre ou máis có castelán. Isto quere dicir que o relevo lingüístico é practicamente inexistente para o galego e que o castelán se impón cun 83,81 % de persoas que o falan sempre ou máis có galego. Se esta situación non se reverte, o galego podería chegar a se converter nunha lingua morta en cuestión de décadas.
O mal chamado decreto do plurilingüismo do PP (Decreto 79/2010), que aínda hoxe segue vixente, foi unha das medidas que se puxeron en marcha para favorecer, precisamente, que o galego desaparecese da educación e, como consecuencia, da mocidade. Así, o seu uso foi prohibido en diversas materias do ámbito científico como matemáticas, física ou tecnoloxía. Tendo en conta que o 32,44 % das crianzas entre 5 e 14 anos non sabe falar galego e que este dato supón case 10 puntos máis que hai 5 anos e o duplo que hai 15 (antes de Feijóo deixar o Plan Xeral da Lingua Galega metido nunha gabeta) é moi sinxelo entender que esta medida é un completo despropósito e unha arma de destrución do galego en prol do castelán.
En canto ao resto de grupos de idade, nas persoas de entre 15 e 29 anos e as de 30 a 49 anos, o uso maioritario do galego é do 28,18 % e 37,99 % respectivamente, fronte o 71,82 % e 62,01 % do castelán.
Isto demostra o envellecemento da lingua galega e a substitución polo castelán nas novas xeracións. Noutras palabras: se non muda o goberno, a falla de planificación e as políticas «lingüicidas» do PP na Xunta da Galiza acabarán por nos levar a unha situación irreversible.
Tras coñecermos todos estes datos, vimos como o Secretario Xeral de Política Lingüística trasladou unha mensaxe de plena conformidade e satisfacción, ignorando a tendencia á baixa cada vez máis pronunciada do uso do galego. Porén, todo isto non é nada novo, a situación lingüística pódese entender como parte dun proceso histórico de subordinación e minoración froito das políticas centralizadoras do estado español. Ao longo da historia, España sempre tratou de suprimir toda lingua que non fose o castellano a través da imposición lingüística. O seu afán colonizador sempre pretendeu facer un borrado cultural para poder aproveitarse do noso, comezando coa eliminación do símbolo máis identitario que temos: a nosa lingua. Como dicía Castelao «se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma», que será de nós sen o galego?
O galego está a atravesar un momento crítico da súa historia, non podemos permitir que desapareza. Non podemos continuar cunha Lei de normalización lingüística que ten máis de 40 anos, que quedou máis que desfasada e que non cómpre coa súa función. Non se pode permitir un goberno da Xunta que non sexa capaz de consensuar un novo Plan Xeral da Lingua Galega. O galego precisa axuda, necesitamos políticas de inmersión lingüística.
Con todo, o nacionalismo galego está máis forte que nunca, cunha gran parte da sociedade traballando para reverter esta situación. Existe unha alternativa consolidada capaz de facer fronte á imposición do castelán. Hoxe estamos a tempo de dar a volta aos datos e fortalecer a nosa lingua. Fronte a imposición do castellano temos que ser insubmisas, usar a nosa lingua e deixar de ser partícipes da limpeza cultural que están a exercer no noso país. Aínda queda esperanza.
REFERENCIAS
https://www.ige.gal/estatico/html/gl/OperacionsEstruturais/PDF/Resumo_resultados_ EEF_Conecemento_galego_2023.pdf https://elmon.cat/es/sociedad/lengua/gallego-sobrevivir-ataques-pp-xunta-798672/ https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2010/20100525/Anuncio17BE6_es.html
https://www.eldiario.es/galicia/15-anos-gobierno-feijoo-rueda-multiplicaron-numero-ni nos-no-hablar-gallego_1_11725144.html
https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/actualidade/novas/-/nova/X006117/enquisa-ig e-pon-manifesto-que-cada-persoas-comunican-galego