A finais de xullo, desde Galiza Nova, xa falamos dos lumes que asediaban gran parte do territorio galego naquel momento, de como esta problemática se repite todos os anos sen que se faga nada por darlle solución, e da gravidade e perigo que representaba isto para o noso territorio e a poboación galega. Finalmente, os nosos presaxios confirmáronse da peor das maneiras. Galiza arde novamente como hai unhas semanas, aínda que nunca parou de facelo, mais cunha virulencia moitísimo máis grande que a de datas anteriores, e voltándose moi crítica a situación nas provincias de Ourense e Lugo, así como grave na de Pontevedra.
Nos últimos días, a provincia de Ourense ardeu de norte a sur, e de leste a oeste, quedando xa arrasadas, segundo o que di a propia Xunta, cerca de 95 000 hectáreas do territorio ourensán, mais que son cifras que outras informacións duplican ou até triplican, polo que o panorama se torna inda máis desolador. Cabe destacar o incendio iniciado en Valdeorras, que xa se converteu no peor incendio forestal da historia da Galiza, e que tamén afecta diversas zonas das provincias de Lugo e León, levando arrasadas xa máis de 30 000 hectáreas, segundo a Xunta, e ao que se lle suman outros tantos incendios con milleiros de hectáreas queimadas polo resto da provincia ourensá, sobre todo na zona oriental e suroriental, mais que se reparten por todo o territorio, e que asedian zonas de gran valor ambiental, paisaxístico e turístico, sen olvidarmos as moitas aldeas que quedaron reducidas a cinzas.
Esta situación xa advertimos que non é nova, e conleva que en lugares como as comarcas ourensás de Monterrei-Viana e Valdeorras, entre moitos outros, ou no sureste de Lugo; a situación se tornara tan crítica e impredecíbel, que se tivera que desaloxar ou confinar a poboación de deceas de aldeas, que cortar as principais vías de comunicación, e que deixar a súa sorte a supervivencia dos bens e o traballo de toda unha vida de moitísima xente.
Porén, isto último non é o peor, xa que os danos non só son materiais e económicos, con vivendas, terreos ou explotacións agropecuarias destruídas en minutos, senón que tamén se puxo en perigo a vida de profesionais e voluntarios por culpa do panorama que estamos a vivir. Un claro exemplo témolo nos tres brigadistas que se encontran en estado crítico na unidade de queimados do CHUAC como consecuencia dos labores de extinción dos lumes en Oímbra.
E vendo que isto se volve recurrente cada ano, desde a Xunta trabállase en evitar estas situacións de extrema gravidade? Pois a realidade é que non. Nin a planificación e posta en marcha de mellores programas de prevención nos meses previos ao verán nin un maior reforzo dos medios de extinción de incendios, que son poucos e mal dotados en moitos casos, o que imposibilita o bo traballo dos profesionais forestais e unha sobreexplotación destes, ademais de que moitas veces sexa a propia poboación, sen formación na materia, quen se teña que enfrontar aos incendios.
E entón que fan os gobernantes galegos ante o terríbel panorama que vivimos desde hai semanas? Pois o señor Rueda, presidente da Xunta de Galicia, a finais de xullo estivo en moto visitando parte do país como un turista máis e, en agosto, visitou a Feira do Viño de Monterrei e probou os seus mostos, mentres a poucos quilómetros xa ían destruídas centos de hectáreas e a situación se tornaba crítica para parte da poboación, sen que existise a mínima preocupación polo máximo representante das galegas e galegos.
Non foi até despois dunha semana de incendios voraces en terras ourensás, que o señor Rueda puxo exigua atención na situación, momento en que o sur de Galiza xa era un territorio desolado cuns lumes incontrolables. Contando neste momento coa compañía do expresidente Feijóo, que fixo a súa volta estelar á nosa terra para preocuparse pola situación, cando os incendios que unicamente lle preocupaban, e citou por escrito, eran os sufridos en Madrid.
Visto todo o anterior, a clara imaxe que dan os dirixentes da Xunta e o Partido Popular, como partido gobernante, é a dunha clara deixadez das súas funcións e unha preocupación cero polo pobo galego até que a situación xa roza o apocalíptico, logo de aplicar recortes en materia forestal que nos levaron onde estamos agora; e sendo os propios veciños e os profesionais mermados os que tentan atallar os lumes o mellor posíbel, facendo un labor que non lle corresponde, cunha insuficiente dotación de medios de extinción (materiais e persoais) por parte da actual Administración galega.
Estamos fartas destas políticas forestais e ambentais que prefiren a destrución do noso territorio á súa salvagarda e protección. Esperemos que o pobo galego non olvide esta continua aldraxe aos seus montes e aldeas, e continúe exixindo responsabilidades e mudanzas na actual política forestal, tal e como xa fixeron milleiros de galegas esta semana en diversas concentracións ao longo e largo do país.
Antes de concluír, gostaría de agradecer a todo o pobo galego o seu labor incansábel na loitar contra esta catástrofe que estamos a sofrer. É un orgullo poder dicir que mozas e mozos de todas as vilas e aldeas se mobilizaron cando fixo falta, para axudar os seus, os de preto, e cando foi necesario, tamén os de lonxe. Isto demostra que a mocidade galega seguirá loitando por Galiza, polo noso rural e por seguir mantendo unha forma de vivir que parece que queren arrincarnos. Non estaremos dispostas, hoxe nin nunca, a rendernos.
LUMES NUNCA MÁIS!
