Queremos Galego convoca oito mobilizacións o 17 de maio en defensa da lingua

qgA plataforma Queremos Galego, da que Galiza Nova forma parte, presentou publicamente nesta mañá as oito mobilizacións que o 17 de maio percorrerán Galiza na defensa da lingua. .

Baixo o lema “Un paso adiante e outro adiante Galiza” (reescribindo os versos do homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, Díaz Castro) Queremos Galego chama a saír á rúa en defensa da lingua galega.

Nas aulas da Galiza, Queremos Galego!

Este Día das Letras teremos unha nova oportunidade para amosar o rexeitamento da mocidade galega aos ataques á nosa lingua. Rebélate contra as políticas lingüicidas da Xunta de Galiza dirixidas a perseguir e excluír o galego das aulas; medidas respaldadas e intensificas polo goberno de Mariano Rajoy que por medio da nova reforma educativa (a LOMCE) dá prioridade ao ensino en español, marxinando aínda máis á lingua galega, e mesmo outorgando maior importancia á materia da relixión católica ca a nosa lingua e literatura. Ademais esta reforma favorece recorrer a prazas en centros privados (mais pagadas con cartos públicos) para evitar a escolarización do alumnado na nosa lingua. Non o consintas!!

As mobilizacións terán lugar ás 12h do 17 de maio en Vigo, A Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Santiago, Lugo e Foz e aunarán reivindicación con partes lúdicas.