Nos últimos tempos, coa gasolina a 2€ o litro, a luz acadando máximos históricos cada día ou unha cesta da compra cada vez máis cara, a mocidade galega vemos como cada día é máis complicado vivir, non vivir dignamente, simplemente vivir. Sumado a isto, débese ter en conta tamén as dificultades para acceder a un emprego digno, lonxe da inseguridade, a incerteza, a temporalidade e a falta de garantías a longo prazo que oferta o actual mercado laboral.
Tras a chegada da crise da COVID-19, que non fixo máis que agravar a situación a nivel laboral da mocidade galega, as mozas e mozos deste país vemos como os prezos soben e a nosa calidade de vida baixa. Mentres, nin o goberno da Xunta do PP nin o goberno do Estado propoñen medidas reais para solucionar a situación de precariedade, da sociedade en xeral e da mocidade en particular.
Estamos pois, ante un agravamento da alarmante situación laboral en que vive a mocidade galega. Nun contexto de crise industrial sen precedentes, unha dependencia cada vez maior do sector servizos e o retroceso nos dereitos laborais das traballadoras, é preciso un plan de choque para garantir un emprego digno para a nosa mocidade e un futuro digno para Galiza.
Facemos polo tanto un chamamento a todas as mozas e mozos deste país a rebelarse e mobilizarse. A facer presión nas rúas para que se leven a cabo solucións reais e efectivas para que as alternativas non sexan a emigración ou a precariedade absoluta senón un futuro digno na nosa terra.
Porque a mocidade queremos vivir e non sobrevivir, o vindeiro 3 de abril mobilízate con Galiza Nova!