Queremos vivir e traballar dignamente na nosa Terra

Dende Galiza Nova comezamos hoxe o traballo dunha Iniciativa Lexislativa Popular para esixirlle á Xunta de Galiza a creación dun Plan de Emancipación Xuvenil que garanta a inserción laboral da mocidade galega. A alta taxa de desemprego xuvenil, sumado coa falta de oportunidades para acceder a unha vivenda digna, fai que sexa practicamente imposible para nós pensar en desenvolver os nosos proxectos de vida no país.

Presentamos unha campaña de defensa do emprego e a vivenda dignas para a mocidade baixo o lema “Actuar agora para defender a vida. Queremos vivir e traballar dignamente a nosa terra” co obxectivo principal de visibilizar a situación de precariedade que sufre a día de hoxe a mocidade galega.

Tal e como comenta a nosa secretaria xeral, Marta Gómez “os datos están aí e son incontestables. A taxa de desemprego xuvenil é superior ao 50%, para poder emanciparnos gastamos de media case un 60% do noso soldo e o 70% da mocidade galega ten que seguir vivindo na casa familiar, un terzo incluso tendo un soldo todos os meses”.

Presentamos esta campaña co fin de denunciar esta situación e esixirlles aos gobernos da Xunta e do Estado medidas reais que garantan os nosos dereitos, visibilizando as diferentes situacións de precariedade que cada día sentenza o futuro das mozas e mozos galegos. Vemos como a contestación do Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza é vender fume, gabándose da baixada do desemprego xuvenil cando a realidade é que as condicións deses empregos non son suficientes para garantir unhas condicións de vida digna.

 

A campaña da continuidade á iniciada como traballo mobilizador para a manifestación convocada polo BNG contra a suba dos prezos en decembro do pasado ano. Logo dunha primeira frase na que realizamos un traballo puramente axitativo para animar á mocidade a saír as rúas nunha manifestación tan importante para o noso futuro, iniciamos agora unha segunda parte da campaña na que pretendemos facer un contido máis didáctico con material informativo, tanto físico como nas redes sociais, así como con actos formativos nas distintas cidades e vilas do país para concienciar a toda a sociedade de cal é a situación.

Neste sentido, comezaremos tamén cun traballo de recollida de sinaturas para rexistrar unha Iniciativa Lexislativa Popular que inste á Xunta de Galiza a realizar un estudo específico sobre a situación laboral da mocidade galega e a deseñar un Plan de Emancipación xuvenil que garanta a súa inserción laboral e que rache coa temporalidade e a precariedade laboral. Vemos necesaria esta iniciativa para demostrar que existe un descontento social e que unha grande parte da mocidade demanda políticas alternativas que garantan o seu futuro neste país.

A iniciativa conta ademais co apoio do BNG e dos nosos representantes no parlamento como son Paulo Ríos e Daniel Castro, membros de Galiza Nova e parlamentarios que defenderan a ILP no parlamento e ao carón do resto da nosa organización que o fará dende os pobos e cidades.

Dende Galiza Nova animamos a toda a mocidade a asinar e difundir a iniciativa, así como a participar dos distintos actos que organizaremos e recordámosvos que, coma sempre, toda a información sobre onde, cando e como participar estará dispoñible nas nosas redes sociais.